Nova: A Xunta busca internacionalizar as letras galegas con axudas a escritores para residencias literarias no exterior
07/04/2024
A Xunta busca internacionalizar as letras galegas con axudas a escritores para residencias literarias no exterior
As persoas interesadas optan a un apoio de 5.000 euros que poden solicitar ata o 15 de xullo
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2024
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria de axudas para estadías en residencias literarias, que se realicen fóra de Galicia, dirixidas a escritores co obxectivo de fomentar a difusión das letras galegas e impulsar relacións de cooperación con outros organismos e centros culturais de referencia.
Estas axudas, cunha dotación orzamentaria de 20.000 euros, están destinadas a esas persoas creadoras que precisan realizar a tradución das súas obras, cuxa estadía é necesaria para o proceso de investigación previo á creación da obra ou que necesiten un espazo e ambiente de traballo que lle permita continuar co desenvolvemento dun proxecto xa iniciado.
O importe máximo co que se subvencionará a cada persoa beneficiaria será de 5.000 euros, que se destinarán a gastos de viaxe, de transporte internos, de aloxamento e manutención, de subscrición dunha póliza de seguro de viaxe e outra médica. Os interesados poderán solicitar as axudas ata o día 15 de xullo.
Esta é a segunda convocatoria deste proxecto, co que se busca difundir e potenciar o desenvolvemento do sector cultural galego visibilizando a riqueza e calidade dos profesionais da creación literaria. O pasado ano beneficiáronse destas axudas os autores Jesús Castro, Blanca Riestra e Yolanda Castaño, que estiveron en residencias en Lanzarote, Mojácar e Turquía, respectivamente.
Plan Xeración Cultura
Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que reforza ao sector cultural galego. Esta axuda súmase a outras iniciativas como o intercambio literario con Irlanda ou residencias dentro de Galicia na Coruña, na Cidade da Cultura ou na Illa de San Simón.