Nova: O Centro Galego de Arte Contemporánea, o Centro de Supercomputación e o Instituto de Física de Altas Enerxías afondan no vínculo entre arte e ciencia
12/04/2024
O Centro Galego de Arte Contemporánea, o Centro de Supercomputación e o Instituto de Física de Altas Enerxías afondan no vínculo entre arte e ciencia
Co gallo do día Mundial da Cuántica, este domingo preséntase a peza escultórica interactiva ‘Salto cuántico’, que se poderá visitar no CGAC ata febreiro de 2025
Eduardo Sáenz de Cabezón, presentador de ‘Órbita Laika’, ofrece un relatorio no museo no marco deste programa de actividades
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) colaboran ao longo deste ano 2024 nun programa de actividades para dar visibilidade ao vínculo entre a arte e a ciencia. O obxectivo é descubrir relacións que non sempre son evidentes pero que historicamente determinaron cambios nas metodoloxías de traballo de ambas as disciplinas, favoreceron a implementación de novas ferramentas e contribuíron a modificar as perspectivas.
Neste contexto, e co gallo do Día Mundial da Cuántica, este domingo presentarase no centro museístico compostelán a peza Salto cuántico, encargada polo CESGA, entre outras actividades. A xornada desenvolverase desde as 11,00h. no CGAC e ten entrada de balde ata completar aforo
Concibida polo artista Diego Vites en colaboración co colectivo Nova Escultura Galega (coa participacion de Jorge Varela, Misha Bies Golas, Alejandra Pombo Su, Diego Vites) e Violeta, Salto cuántico é unha escultura interactiva que consta de tres módulos móbiles e intercambiables. A obra, que permanecerá exposta no CGAC ata febreiro de 2025, adopta a estrutura das primeiras computadoras dos anos corenta, tótems contemporáneos sobre rodas que permiten unha actualización constante, e funciona como unha escultura aberta no espazo cuántico.
Participan na presentación o director do CGAC, Santiago Olmo; o do CESGA, Lois Orosa Nogueira, o do IGFAE, Carlos Salgado e Javier Mas, coordinador TalentQ de Quantum Spain.
A xornada complétase co relatorio Computación cuántica: que é?, para que serve?, onde estamos?, a cargo de Eduardo Sáenz de Cabezón, presentador do programa Órbita Laika de La 2, ademais de conducir varios podcast e unha canle de YouTube de divulgación científica. Nado en Logroño en 1972, é licenciado en Teoloxía e doutor en Matemáticas e profesor titular do Departamento de Matemáticas e Computación na Universidade da Rioxa.
Coñecido pola súa faceta de divulgador científico, é autor dos libros Inteligencia matemática (Plataforma Editorial, 2016), El árbol de Emmy (Plataforma Editorial, 2019), Apocalipsis matemático (Penguin Random House, 2020) e Invitación al aprendizaje (Penguin Random House, 2023).
Entre outros recoñecementos, foi o gañador do concurso de monólogos científicos FameLab en 2013 e representou a España na final internacional no Cheltenham Science Festival (Reino Unido). En 2019 recibiu o Premio Especial do xurado á Divulgación Científica Ciencia en Acción.
Día Mundial da Cuántica
A celebración do Día Mundial da Cuántica ten como obxectivo promover a comprensión mundial da ciencia e a tecnoloxía cuánticas en todo o mundo. A data elixida é unha referencia ao número 4,14, os primeiros díxitos arredondados da constante de Planck: 4,135667696×10−15 eV.s = 0,000 000 000 000 004 135667696 electrovoltios por segundo, un produto de enerxía e tempo que é a constante fundamental que goberna a física cuántica.