Nova: José López sinala o compromiso do Goberno galego coa promoción da lingua entre a mocidade investigadora
18/04/2024
José López sinala o compromiso do Goberno galego coa promoción da lingua entre a mocidade investigadora
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa na entrega dos XIX Premios á Calidade Lingüística impulsados pola USC no marco da colaboración coa Xunta
En total recibíronse preto de 200 traballos entre as tres categorías de participación: académicos, de fin de grao e de fin de mestrado
Santiago de Compostela, 18 de abril de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, participaron este mediodía no acto de entrega dos XIX Premios á Calidade Lingüística, uns galardóns promovidos pola USC co apoio da Xunta de Galicia co fin de impulsar o uso da lingua galega na elaboración e na defensa oral dos traballos desenvolvidos polo alumnado da universidade compostelá.
“Con estes galardóns facemos fincapé na importancia do uso do galego no eido da investigación, ao tempo que o alumnado mostra o seu compromiso coa lingua”, destacou o novo titular de Cultura. Precisamente, respecto á mocidade destacou “o compromiso da Xunta de seguir impulsando unha política lingüística que teña na xente nova un dos seus principais eidos de traballo”.
No acto de entrega, que acolleu o Paraninfo da Universidade, tamén participaron Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, e Verónica Civeira Pérez, quen falou en nome de todas as persoas premiadas.
Este certame enmárcase no convenio de colaboración que o Goberno galego mantén coa universidade compostelá desde hai 30 anos para desenvolver iniciativas conxuntas para prestixiar e promover no ámbito universitario a estima do galego.
Traballos académicos e de fin de grao
Nesta nova edición, o certame recibiu preto de 200 propostas entre as tres modalidades de participación: académicos, de fin de grao (TFG) e de fin de mestrado (TFM). Na modalidade de traballos académicos, o xurado concedeu o premio na área de Arte e Humanidades a Flor Fernández Suárez por Comentario CSM 276: O monteiro a quen lle caeu unha campá na cabeza.
En Ciencias da Saúde premiouse o traballo Memoria das Estancias Non Clínicas e na Administración, de Sabela Blanco Penelas, e na de Ciencias Sociais e Xurídicas o titulado O mérito e a idade como criterios morais para a distribución de recursos escasos, da autoría de Andrés Vázquez García. Nas dúas áreas restantes os premios quedaron desertos.
En canto aos traballos de fin de grao, en Arte e Humanidades recolleron o premio ex aequo Manuel Catelao Ouzande por A deriva autoritaria nos movementos nacionalistas flamengo e ucraíno (1914-1939): Debates, dinámicas e consecuencias e Brais Costas Fragueiro por Primeira aproximación aos protocolos notariais de Johán Rodríguez (Catedral de Tui, 1413-1442).
Tamén na área de ciencias o xurado decidiu repartir o premio entre os TFG Verificación dosimétrica de tratamentos de radioterapia metabólica mediante detectores externos. Unha proba de concepto baseada en simulación Monte Carlo, de Pedro Otero Casal, e Síntese caracterización e estudo do comportamento in vitro de origamis de ADN: Parte B, de Beatriz Lista Lema.
Estudo clinicopatolóxico de linfomas plasmablásticos diagnosticados no HCU de Santiago, de Alexandre Rey López, foi o gañador de Ciencias da saúde; mentres que en Ciencias Sociais e Xurídicas recaeron ex aequo en A literatura dramática galega como recurso didáctico desde unha metodoloxía activa de aprendizaxe cooperativa, de María Gloria Queizán Fernández, e O valor da transmisión [inter]xeracional na aula de educación infantil: unha proposta didáctica a partir de contos ilustrados, de Estefanía Bugallo Vega.
Por último, na área de Enxeñaría e Arquitectura Antonio Moscoso Sánchez recolleu o premio polo seu TFG Elaboración de novos modelos de síntese de voz para o idioma galego empregando técnicas de deep-learning.
Traballos de fin de mestrado
Na categoría que resta, O republicanismo galego durante o Sexenio Democrático (1868-1874), de Fermín Caamaño Louro, e Diverxidade, de Andrea Maseda Prado, foron os gañadores ex aequo na categoría de TFM na área de Artes e Humanidades; e en Ciencias, recolleu o seu premio Javier Corral Sertal por Estudo da condutividade térmica no Fe2GeTe2, un material ferromagnético bidimensional.
Tamén ex aequo foi o premio en Ciencias da Saúde, que recaeu en Papel de FABP4 e mecanismos involucrados na cadiopatía auricular, de Xocas Vázquez Abuín, e Análise das habilidades de comunicación dos profesionais de enfermaría de atención primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, de Verónica Civeira Pérez.
En Ciencias Sociais e Xurídicas o xurado recoñeceu o traballo O movemento polos dereitos civís (1954-1968) a través dunha situación de aprendizaxe: Resultados do traballo cun grupo de 1º de Bacharelato, de Aloia Insua González; e xa por último, en Enxeñaría e Arquitectura gañou o TFM Análise tecno-económica da purificación de ácidos graxos volátiles obtidos de correntes residuais, de Hugo Quintana Álvarez.