Nova: A Xunta organiza unha segunda edición do programa Día da Xuventude, que levará actividades de ocio saudable e alternativo por 30 concellos

21/04/2024

A Xunta organiza unha segunda edición do programa Día da Xuventude, que levará actividades de ocio saudable e alternativo por 30 concellos

Na primeira edición, que se desenvolveu en 2023, participaron máis de 4.300 mozos e mozas, maioritariamente de 12 a 20 anos

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2024

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en marcha unha nova edición do programa ‘Día da Xuventude’, que achegará á mocidade diversas actividades formativas e de ocio saudable a alternativo por un total de 30 concellos de toda Galicia.

Este programa aséntase en cinco obxectivos: facilitar á mocidade a posibilidade de participar nun programa de actividades lúdico-formativas que contribúa ao seu enriquecemento persoal mediante aprendizaxes non formais; fomentar a participación, o ocio e o lecer saudable; transmitir valores a través de actividades que requiran do traballo en equipo, colaboración mutua e que fomenten o respecto, a igualdade, a inclusión e o espírito deportivo; achegar información dos programas que desenvolve a Xunta de Galicia destinados á mocidade; e ampliar as ferramentas de conciliación e espazos de coidado a disposición das familias galegas.

As actividades son diversas e buscan a participación activa da mocidade de cada concello. Ofreceranse obradoiros de gastronomía saudable, sobre habilidades para a empregabilidade, sensibilización medioambiental, igualdade de xénero, arte urbana ou actividades de lecer educativo como fútbol burbulla, futbolín humano, tiro con arco, lego e escape box. Así mesmo, cada xornada finalizará cunha actuación musical dalgún artista local mozo.

O ‘Día da Xuventude’ arrancará a fin de semana do 26 e 27 de abril, en Ribadavia e A Estrada respectivamente. As seguintes datas confirmadas son: 1 de maio en Oia, 4 en Sanxenxo, 10 en Porto do Son, 11 en Castro de Rei, 16 en Mos, 18 en Culleredo, 24 en Arteixo, 25 en Viveiro e 31 de maio en Chantada.

En xuño chegarán as seguintes paradas: día 1 en Cangas do Morrazo, 7 en Teo, 8 en Pereiro de Aguiar, 14 en A Laracha, 15 en Ponteareas, 21 en Cerdedo-Cotobade, 25 en Ortigueira, 26 en San Cibrao das Viñas, 28 en Xinzo de Limia e 29 de xuño en Ribadeo. Pola súa parte, o 2 de xullo será a quenda de Vedra, o 3 en Poio, o 4 en Baños de Molgas, o 5 en Castroverde e o 6 en Baiona. A información das datas e lugares que faltan por confirmar estarán dispoñibles proximamente na páxina web http://xuventude.xunta.es.

Este programa, que conta co financiamento do Ministerio de Igualdade en desenvolvemento do Plan Corresponsables, está destinado tanto á mocidade galega como ás propias familias, dado que esta iniciativa tamén favorece a conciliación da vida familiar e laboral. No ano 2023 participaron máis de 4.300 mozos e mozas, sendo predominante o rango de idade dos 12 aos 20 anos.

Comparte