Nova: As axudas da Xunta a festivais audiovisuais distribúen 300.000 euros entre 10 mostras do sector

22/04/2024

As axudas da Xunta a festivais audiovisuais distribúen 300.000 euros entre 10 mostras do sector

Publícase na web da Axencia Galega das Industrias Culturais a resolución desta convocatoria anual de subvencións

As mostras adxudicatarias en 2024 son Play-Doc de Tui, Festival de Cans do Porriño, (S8) e Intersección da Coruña, Curtocircuíto e MICE de Santiago, FICBUEU, Novos Cinemas de Pontevedra, Carballo Interplay e Galician Freaky Film Festival de Vigo

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2024

A Xunta de Galicia acaba de publicar a resolución da súa convocatoria anual de subvencións a festivais audiovisuais, a través da que distribúe 300.000 euros entre 10 certames. A dotación destas axudas incrementouse nun 33% respecto ao ano pasado, aumento que vén ratificar o apoio do Goberno galego a estas mostras polo seu valor estratéxico para o sector e para o conxunto das industrias culturais.

Atendendo ás contías concedidas neste 2024, a listaxe de adxudicacións está encabezada polo Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui (50.000 euros) e pola (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña (50.000 euros), seguidos do FICBUEU Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (39.829 euros), Festival de Cans do Porriño (38.000 euros), Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto de Santiago de Compostela (37.000 euros), Intersección Festival de Arte Audiovisual Contemporánea da Coruña (36.484 euros), Novos Cinemas Festival Internacional de Cine de Pontevedra (20.452 euros), Carballo Interplay (13.534 euros), MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico de Santiago de Compostela (7700 euros) e Galician Freaky Film Festival de Vigo (7000 euros).

Seis asociacións culturais, tres entidades locais e unha empresa de produción audiovisual son as promotoras dos 10 encontros subvencionados este ano e xa consolidados dentro do panorama galego, e mesmo estatal, de festivais audiovisuais, principalmente pola súa especialización en diferentes xéneros e formatos. De feito, os 10 repiten como festivais  adxudicatarios desta liña autonómica de apoio ao audiovisual galego. 

Convocadas en réxime de concorrencia competitiva, as axudas establecían entre os requisitos dos certames subvencionados contar cunha duración mínima de catro xornadas con, cando menos, 20 proxeccións, así como ter celebrado tres edicións consecutivas nos anos inmediatamente anteriores. Ademais, a proposta de programación debía conter un cinco por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas.

Comparte