Nova: A Xunta convoca o XXV premio Elías Valiña de recoñecemento a entidades e persoas a prol do labor revitalizador dos valores propios do Camiño de Santiago

23/04/2024

A Xunta convoca o XXV premio Elías Valiña de recoñecemento a entidades e persoas a prol do labor revitalizador dos valores propios do Camiño de Santiago

O galardón, dotado con 15.000 euros, está dirixido a asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que protexen a Ruta Xacobea

Os interesados en presentarse a esta convocatoria dispoñen de prazo ata o 24 de maio 

Na pasada edición premiouse ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago da Santa Cruz de Cuenca e de Río Grande do Sul do Brasil, á vez que ao profesor Paolo Caucci obtivo unha mención especial

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2024

A Xunta de Galicia convoca a XXV edición do Premio Elías Valiña, de recoñecemento de entidades e persoas que se distinguen polo seu labor revitalizador do Camiño de Santiago. O galardón, impulsado desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, está dotado con 15.000 euros e diríxese a asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan entre os seus fins a protección e fomento da Ruta Xacobea.

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar as bases desta convocatoria, cuxo prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o día 24 de maio e as solicitudes deberán ser remitidas a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta.

Segundo recollen as bases, para optar ao galardón as entidades solicitantes deben ter unha traxectoria de cando menos cinco anos de funcionamento e acreditar o seu labor na protección, revitalización, fomento do coñecemento e dos valores do Camiño de Santiago tanto dentro como fóra de Galicia. 

Deberán entregar nas súas solicitudes unha memoria xustificativa explicando o labor realizado neste campo. Tamén se inclúe a posibilidade de que o xurado propoña unha mención especial, sen dotación económica, a unha persoa física que teña contribuído coa súa traxectoria vital ao fomento dos valores do Camiño. 

Criterios de valoración

O xurado, composto por membros da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e por expertos en materia xacobea, entre outros, valorará as candidaturas en función de distintos criterios valorados cada un por un máximo de 25 puntos. 

O primeiro deles serán as intervencións encamiñadas á protección do patrimonio no que se terán en conta o número de actuacións e os lugares onde son realizadas. O segundo puntuará os traballos de investigación, documentación e fomento do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo para difundilo entre a cidadanía. 

O terceiro criterio fai referencia ás accións de sensibilización e fomento do asociacionismo con fins relacionados co fenómeno xacobeo e coa organización de peregrinacións e outras actividades. 

O último deles, pola súa banda, valorará as accións encamiñadas a potenciar valores propios do Camiño na súa dimensión espiritual, solidaria e social, incluíndo labores de acollida e hospitalidade, accións educativas de especial significación, entre outras.  

Galardóns da anterior edición

Os Premios Elías Valiña cumpren este ano a súa vixésimo quinta edición en recoñecemento a distintas entidades que traballan a favor do Camiño de Santiago. O ano pasado, os recoñecementos foron para asociacións de amigos do Camiño de Santiago da Santa Cruz de Cuenca e de Río Grande do Sul do Brasil. Pola súa banda, o profesor Paolo Caucci obtivo unha mención especial.

Comparte