Nova: A Xunta convoca a VII edición do premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea

23/04/2024

A Xunta convoca a VII edición do premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea

O galardón, cunha dotación económica de 3.000€, busca promover a produción de pensamento sobre esta materia en lingua galega

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2024

A Xunta de Galicia acaba de convocar a sétima edición do Premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre a arte cuxo obxectivo é, a través dun premio único de 3.000 euros, promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións, así como favorecer a comunicación social das artes plásticas.

Tal e como recollen as bases do galardón publicadas no Diario Oficial de Galicia,  poderá optar a este premio calquera persoa física, maior de idade, que presente textos inéditos escritos en galego segundo a normativa vixente e que estean relacionados con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea. Así pois, os traballos serán de temática libre, sempre que versen sobre esta materia e terán un carácter divulgativo. 

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o próximo 30 de setembro e o fallo do xurado darase a coñecer, en todo caso, antes do 31 de decembro. A extensión dos orixinais, que non poderán conter ilustracións, abranguerá entre 150.000 e 450.000 caracteres, incluídos espazos e non poderán concorrer ao premio traballos que xa foron presentados nalgunha das edicións anteriores.

Un xurado, do que formarán parte persoas de recoñecido prestixio do medio artístico-literario, será o encargado de avaliar os orixinais baseándose en criterios como a orixinalidade do enfoque, a singularidade da metodoloxía empregada na investigación e a calidade literaria dos ensaios presentados a concurso ou polas relacións con outras disciplinas artísticas ou científicas.

Gañadores das edicións anteriores

A través da convocatoria deste premio a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca promover o coñecemento e favorecer o acceso do público á arte contemporánea, así como impulsar a comunicación social nesta área. 

Os ensaios premiados nas sucesivas convocatorias deron lugar a unha serie de publicacións que, baixo a denominación xenérica CGAC_Ensaio edita anualmente o Centro Galego de Arte Contemporánea. 

Desde que en 2019 se inaugurara a colección co primeiro ensaio premiado, A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria, do ourensán Rosendo Cid, saíron do prelo outros tres títulos: Tigres en magnolias: a maxia como transformación na arte contemporánea, de María Marco; Memoria do azul: a afección monocroma do contemporáneo, de Laura Calvo, e recentemente O menor: procesos a-significantes na arte contemporánea, de Matías Rodríguez-Mouriño.

Proximamente verán a luz o quinto e o sexto libro da serie: A caverna baleira: catálogo de arte inmaterial, imposible e inexistente, obra do investigador e poeta Jorge Fernández Gonzalo, e A escola da noite, de Aitor Hernández Marcos, texto galardoado na convocatoria de 2023.

Comparte