Nova: A Xunta abre nova convocatoria das residencias artísticas do Gaiás con catro axudas de 8.000 € para proxectos de artes visuais, escénicas, musicais e deseño

23/04/2024

A Xunta abre nova convocatoria das residencias artísticas do Gaiás con catro axudas de 8.000 € para proxectos de artes visuais, escénicas, musicais e deseño

Poderá solicitalas calquera persoa física cunha proposta creativa a desenvolver durante estadías de tres semanas e un mes e medio na Cidade da Cultura

O resultado da residencia poderá ter unha vertente de investigación, unha dimensión práctica ou mixta

O prazo de candidaturas ás axudas REGA está aberto ata o 22 de maio de 2024

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2024 Por terceiro ano consecutivo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Fundación Cidade da Cultura, convoca as axudas REGA ao desenvolvemento de proxectos artísticos vinculados ás artes visuais, escénicas, musicais e de deseño dentro do programa das Residencias Artísticas do Gaiás. En total, ofértanse catro axudas de 8.000 euros cada unha para artistas que realicen estadías de entre tres semanas e mes e medio na Cidade da Cultura.

As residencias artísticas realizaranse entre os meses de setembro e novembro de 2024 nos espazos de traballo que a Fundación Cidade da Cultura porá á disposición das persoas beneficiarias. Ademais, contarán co acompañamento dunha persoa mentora especialista en cada ámbito da convocatoria, e cos recursos humanos propios de seguimento técnico do Gaiás.

As propostas creativas que desexen optar ás axudas REGA poderán ter unha vertente práctica, de investigación ou mixta. Cada aspirante deberá acompañar a solicitude dunha memoria onde explique de maneira detallada o concepto e os obxectivos que pretende acadar, a viabilidade da súa materialización (incluíndo o orzamento previsto a modo de valoración), a xustificación da oportunidade dentro da súa traxectoria artística e a categoría á que se vincula o proxecto, así como a súa posible relación con outras disciplinas creativas.

En base a esta documentación, un tribunal de valoración, integrado por persoal da Fundación Cidade da Cultura e persoas de recoñecida competencia do sector cultural, será o encargado de seleccionar un máximo de catro proxectos entre o total de candidaturas recibidas.

O prazo de presentación está aberto ata o vindeiro 22 de maio de 2024 e realizarase, preferentemente, de maneira telemática a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (Código de procedemento CT898A). As bases poden consultarse na súa totalidade no Diario Oficial de Galicia.

Apoio á creación contemporánea de principio a fin

Co programa de Residencias Artísticas do Gaiás e as axudas REGA a Fundación Cidade da Cultura busca atender as necesidades do tecido artístico contemporáneo, poñendo énfase no proceso de creación in situ de principio a fin. Un apoio que se materializa desde o impulso ás ideas e ao talento, o seu desenvolvemento nas residencias, ata a produción e exhibición.

Neste sentido, cada persoa beneficiaria das axudas REGA realizará, ao remate da súa estadía no Gaiás, unha presentación pública do traballo realizado. Ademais, os proxectos poderán formar parte do programa cultural da Cidade da Cultura de Galicia se así se considera, e sempre que o resultado poda ser obxecto de encaixe no programa de Acción Cultural da Fundación.

En edicións anteriores, o programa impulsou iniciativas de investigación e creación en deseño de moda e de produto, inspirados no traballo da costura doméstica, na arquitectura do Gaiás ou na recuperación de materiais naturais de refugallo. Tamén proxectos escénicos e curatoriais ligados á saúde mental e aos coidados, propostas musicais que transformaron artisticamente o patrimonio sonoro contemporáneo de Santiago de Compostela e novas aplicacións da realidade virtual para a concienciación ecolóxica.

 

Comparte