Nova: Xornadas sobre a labor policial na protección do patrimonio histórico

16/04/2015

Xornadas sobre a labor policial na protección do patrimonio histórico

Saliéntase o importante papel de protección e defensa do patrimonio que levan a cabo as forzas e corpos de seguridade

  • Xornadas de protección do patrimonio histórico Xornadas de protección do patrimonio histórico
  • Protección do patrimonio histórico Protección do patrimonio histórico

A Estrada, 16 de abril de 2015.- O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor inaugurou hoxe na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, unhas xornadas sobre o labor policial na protección do patrimonio histórico onde destacou que o noso patrimonio precisa unha protección e unha defensa que nos obrigue e nos conciencie do seu valor.

Segundo relatou Luis Menor, os avances lexislativos nesta materia nos últimos anos, permiten que esa protección e defensa sexa cada vez mais evidente, e a sociedade en xeral, está cada vez máis concienciada do patrimonio, do seu valor e da necesidade da súa conservación. Destacou o importante papel de protección e defensa do patrimonio que levan a cabo as forzas e corpos de seguridade, que traballan cada día na súa protección.

Con este curso, destacou o director xeral, ponse de manifesto, o labor policial na protección do noso patrimonio histórico, e da investigación dos delitos contra o mesmo, incidindo na importancia da colaboración e corresponsabilidade de todos os integrantes das forzas e corpos de seguridade.

No Estado, tanto o Corpo Nacional de Policía como a Garda Civil conta con unidades especializadas nesta materia e a policía local, ten a competencia da protección do patrimonio histórico municipal e a posibilidade de colaborar nas labores de policía xudicial, se o concello ten asinado o convenio marco de colaboración, cooperación e coordinación, polo que todos son garantes na defensa do noso patrimonio cultural.

Nas Xornadas participarán o xefe do servizo de arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, Roberto Pena; o Xefe da Brigada de Patrimonio Histórico da Unidade Central de Delincuencia especializada e violenta do CNP, Antonio Tenorio; o representante do Grupo de Patrimonio Histórico da Garda Civil, Álvaro Ferreras; o Analista da División de Cooperación Internacional da Dirección Xeral da Policía, José Joaquín Gomá Torres; e o Fiscal Xefe de Ourense, Florentino Delgado.
 

Comparte