Nova: A Xunta e a Real Academia Galega renovan o convenio de colaboración para a utilización das instalacións da Cidade da Cultura

24/04/2024

A Xunta e a Real Academia Galega renovan o convenio de colaboración para a utilización das instalacións da Cidade da Cultura

Desde o ano 2014 traballan diariamente no Gaiás os Seminarios de Lexicografía, Onomástica e Sociolingüística da Academia

O convenio prolonga durante outros catro anos a colaboración do Goberno galego

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, reafirmaron hoxe o seu compromiso de colaboración entre ambas as institucións na promoción e defensa da lingua galega durante o seu primeiro encontro, celebrado na Cidade da Cultura de Galicia.

Nun acto que tivo lugar esta mañá na Biblioteca e Arquivo de Galicia, José López Campos e Víctor F. Freixanes ratificaron o convenio que xa se asinou no ano 2014 e que precisaba de renovación, en virtude do cal, desenvolverán o seu traballo nas dependencias do Gaiás por un período doutros catro anos os Seminarios de Lexicografía, Sociolingüística e Onomástica da RAG, ao que pertence o persoal dedicado a labores de actualización e revisión do Nomenclátor de Galicia.

O titular de Cultura e Lingua da Xunta de Galicia remarcou o propósito no que se encadra esta colaboración para “crear alianzas, tender pontes e establecer sinerxías que beneficien a divulgación e promoción do noso patrimonio cultural e herdanza lingüística”, ao tempo que lembrou que “coidar e protexer a nosa lingua propia, para o presente e o futuro, debe ser responsabilidade de todos os axentes culturais e moi especialmente do Goberno galego”.

Neste sentido, o conselleiro quixo agradecerlle á Real Academia Galega o labor desenvolvido ao longo de máis dun século no estudo, promoción e defensa do idioma galego e do noso patrimonio cultural e literario.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia na dotación de espazos necesarios para a actividade dos seminarios da Academia e convidou o conselleiro a visitar as instalacións da Real Academia Galega na Coruña, provisionalmente no polígono industrial de Pocomaco, á espera da finalización das obras de renovación da sede histórica da rúa Tabernas. “Gustaríanos unha visita oficial do novo conselleiro ás dependencias da Academia e poder falar de proxectos futuros, e mesmo da posibilidade de dar un salto cualitativo nas estratexias de promoción e defensa do idioma. Se cadra é o momento de intentalo”, expresou Víctor F. Freixanes.

Neste acto de sinatura estiveron tamén presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo.

Comparte