Nova: O conselleiro de Cultura garante a implicación da Xunta de Galicia na difusión da figura e obra de Otero Pedrayo

26/04/2024

O conselleiro de Cultura garante a implicación da Xunta de Galicia na difusión da figura e obra de Otero Pedrayo

José López Campos participa nas xornadas do Abril Oteriano, que se celebran hoxe e mañá no Liceo de Ourense, entidade coa que o Goberno galego está en proceso de sinatura dun convenio de colaboración de 30.000 euros para melloras neste inmoble

Ourense, 26 de abril de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, garantiu hoxe a implicación da Xunta en darlles pulo e difusión á figura e á obra de Otero Pedrayo, a cal erixiu como “unha das cumieiras da cultura galega de todos os tempos”.

Así o salientou durante a súa participación na primeira das dúas xornadas do Abril Oteriano, organizadas na cidade de Ourense pola Fundación Otero Pedrayo, e ás que asistiu acompañado do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do delegado territorial da Xunta nesta provincia, Manuel Pardo.

O conselleiro de Cultura salientou que a figura de Otero Pedrayo está preservada e difundida por “unha das fundacións culturais máis relevantes de Galicia” e puxo en valor as xornadas como Abril Oteriano para “reforzala e proxectala”. Neste senso, apuntou a que permitirá descubrir novas facianas, a través da participación de relatores de diferentes perfís, como académicos, investigadores e divulgadores.

López Campos argumentou na súa intervención que o papel das institucións públicas é manter viva esa memoria e promover a difusión da obra “de quen, sen dúbida, é un dos intelectuais galeguistas máis sobranceiros do século XX”, aseverou. E con este obxectivo, defendeu a custodia da súa Casa Museo de Trasalba, no concello de Amoeiro (Ourense).

Precisamente, anunciou a visita en breve á sede da fundación no Pazo de Trasalba, no Concello de Amoeiro, para coñecer in situ un espazo “tan emblemático” da historia cultural de Galicia, e no cal “co esforzo de todos, das administracións públicas, entidades e persoas, estamos a darlle o pulo que a figura de don Ramón merece”, incidiu.

Igualmente, o conselleiro amosou a súa satisfacción polo feito de que no programa destas xornadas figure a presentación do libro Rexistros no vento. Epistolario de Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego, unha publicación que, segundo explicou, afonda na relación entre Otero e a figura a quen se lle dedicou o ano pasado o Día das Letras Galegas.

Convenio co Liceo de Ourense para melloras no inmoble

Finalmente, o conselleiro tivo palabras para o anfitrión das xornadas do Abril Oteriano, o Liceo de Ourense, entidade coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, segundo avanzou, está no proceso de sinatura dun convenio de colaboración por valor de 30.000 euros para axudar nas melloras “que tan necesarias son nestes inmobles”.

Comparte