Nova: A Xunta estará presente na Feira do Libro de Buenos Aires cunha vintena de actividades

27/04/2024

A Xunta estará presente na Feira do Libro de Buenos Aires cunha vintena de actividades

Galicia conta cun expositor propio de 44 m2 con máis de 250 publicacións, onde se presentarán as principais novidades das editoriais galegas ata o 12 de maio

A delegación galega está formada por narradores como Manel Loureiro, ilustradoras como Rebeca Varela ‘Perdivel’ e Rocío Carbia e tamén poetas, como Luís González Tosar

A cita na capital da Arxentina é unha das principais paradas do circuíto internacional que recibe cada ano a máis dun millón de lectores e supera a participación de 12.000 profesionais do sector do libro durante as súas case tres semanas de duración

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2024

A Xunta de Galicia estará presente na Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, que se está a celebrar a súa 48ª edición desde o pasado xoves, 25 de abril e na que participará cunha vintena de actividades e cun expositor propio, no que se darán a coñecer máis de 250 publicacións.

Esta cita é unha das principais paradas do circuíto internacional para promocionar a literatura galega que recibe cada ano máis dun millón de lectores e supera a participación de 12.000 profesionais do sector do libro durante as súas case tres semanas de duración.

Así, no marco desta feira ­—considerada un dos eventos culturais e editoriais máis importantes de Latinoamérica— a Xunta desenvolverá desde o venres 3 e ata o domingo 12 de maio accións para afondar na difusión da cultura e do libro na capital da Arxentina a través de actividades con obradoiros nos que se adobiará ilustración e música, presentación de libros, contacontos, coloquios e conferencias.

Actividades no expositor de Galicia

Á Feira de Buenos Aires chegará unha delegación formada por profesionais do sector editorial e libreiro, tamén escritoras e escritores xunto con creadores e creadoras procedentes do eido da ilustración. Así, contarase co narrador Manel Loureiro, quen abordará o salto ao audiovisual e outros medios da literatura e participará nun coloquio coa editora Luísa Ortigosa e coa ilustradora Rebeca Varela ‘Perdivel’, que versará sobre O fío do libro: quen, como, cando e onde.

Ademais Rebeca Varela ‘Perdivel’ presentará o proxecto Bruxas Pop e protagonizará unha orixinal acción artística na feira, debuxando en directo en presenza de todos e todas aquelas que queiran achegarse para coñecer en vivo como é o proceso creativo da ilustración. Pola súa banda, Rocío Carbia realizará un obradoiro de pintura con música. A Feira do libro de Buenos Aires contará tamén co poeta Luís González Tosar, quen afondará nunha conferencia co escritor e xornalista Antonio Requeni sobre A lingua galega e o lunfardo.

Comparte