Nova: José López inaugura a Feira do Libro de Santiago de Compostela, a segunda cita dun circuíto por 13 cidades e vilas de Galicia

27/04/2024

José López inaugura a Feira do Libro de Santiago de Compostela, a segunda cita dun circuíto por 13 cidades e vilas de Galicia

A alameda compostelá acollerá, ata o 5 de maio, esta cita coa lectura que se verá enriquecida cun completa programación de máis dun cento de actividades para todos os públicos

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude salientou a “prioridade especial” que o Goberno galego lles dá ao libro e á lectura, que erixe como “vía de expansión” da  identidade e da cultura

Pon en valor que estas citas serven para estar máis preto dos escritores e escritoras, e, especialmente este ano, da autora a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, Luísa Villalta

Enxalza o papel das librarías como unha “parte fundamental” do comercio do libro de Galicia, que se sitúa como segunda comunidade con máis establecementos libreiros por cada 100.000 habitantes

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe a Feira do Libro de Santiago de Compostela, a segunda das citas deste ano nun circuíto ao redor da lectura —que percorre 13 cidades e vilas das catro provincias de Galicia— e na cal estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e por Susana e María Gómez, irmá e nai de Luísa Villalta, respectivamente.

O conselleiro anunciou que, ata o vindeiro domingo 5 de maio, a alameda compostelá se vai consolidar como “un reclamo moi atractivo cara ao libro e á lectura”. Neste espazo aberto vanse localizar 17 expositores —un deles da Biblioteca Ánxel Casal— e  vanse artellar máis de 100 actividades; entre presentacións de libros, sinaturas e accións dinamizadoras da lectura.

López Campos incidiu na enorme satisfacción que lle supón que os primeiros actos como conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude estean vencellados con estas citas coa lectura por toda a Comunidade. Precisamente, fixo fincapé en que a Xunta lles dá unha “prioridade especial” ao libro e á lectura. “Queremos unha sociedade que encontre respostas nos distintos formatos en que se nos presentan hoxe”, afondou.

Expansión para a identidade e para a cultura

O titular de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor que o libro serve de “vía de expansión” para a nosa identidade e para a nosa cultura. “Probablemente sexa o primeiro referente do que somos, do que creamos, do que pensamos e do que sentimos”, remarcou.

As feiras do Libro de Galicia están vencelladas coa programación que se está a desenvolver ao redor da celebración do Día Internacional do Libro (23 de abril). Neste senso, o conselleiro apuntou o feito de que se trata dunha “festa da lectura, do libro e da palabra” que anima a descubrir “facianas inacabables do pracer lector”, ademais de que serve para estar un “pouco máis preto” dos escritores e escritoras. E, en concreto, indicou a oportunidade que supón para achegarse ou mergullarse máis polo miúdo na obra da creadora a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, Luísa Villalta.

Librarías, parte fundamental do comercio do libro en Galicia

O conselleiro tirou proveito desta cita coa lectura para salientar o papel das librarías, ás que erixiu como “parte fundamental” do comercio do libro en Galicia. Precisamente, subliñou que máis do 80 % das compras de libros que non son de texto que se realizan en Galicia se canalizan a través delas, á vez que puxo en valor o feito de que somos a segunda comunidade con máis establecementos libreiros por cada 100.000 habitantes.

Finalmente, o conselleiro rematou a súa intervención cun recoñecemento especial para a pregoeira da Feira do Libro de Santiago de Compostela, a poeta Lupe Gómez, quen chega a esta cita lectora con dous premios recentes: o Lueiro Rei de Poesía e o Internacional de poesía Carlos Oroza.

13 vilas e cidades en abril, maio, xullo e agosto

Santiago é a segunda das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Logo do paso por Ferrol, entre o 19 e o 21 de abril, súmase agora Santiago de Compostela, onde a feira estará ata o 5 de maio. Tras a capital galega, seguirán O Porriño, do 9 ao 12 de maio; e Lugo, do 13 ao 17 de maio.

Tamén haberá Feira do Libro na provincia de Ourense, do 5 ao 8 de xuño; en Redondela, do 13 ao 16 de xuño; Vigo, do 1 ao 7 de xullo; Ponteareas, do 11 ao 14 de xullo; e Rianxo, do 14 ao 27 dese mesmo mes. En agosto, a Feira do Libro estará tamén na Coruña, do 1 ao 10; Viveiro, do 12 ao 15; en Foz, do 16 ao 19; e en Monforte de Lemos, do 21 ao 24.

Comparte