Nova: O Plan de mobilidade do Centro Dramático galego despraza máis dun milleiro persoas de 51 concellos para asistir a Os actos e as profecías
27/04/2024
O Plan de mobilidade do Centro Dramático galego despraza máis dun milleiro persoas de 51 concellos para asistir a Os actos e as profecías
A peza, que poderá verse ata o 26 de maio no Salón Teatro de Santiago, ábrese ao público de toda Galicia, que pode inscribirse aínda nos autobuses que viaxarán a Santiago o próximo mes
O espectáculo de gran formato reúne en escena 20 intérpretes para indagar na confrontación entre os soños e a vida a través dos chamados ‘talent shows’
Tamara Canosa dirixe esta produción central do 40º aniversario da compañía de teatro institucional da Xunta, inserida á súa vez no proxecto europeo ‘Phōnē’ para a posta en valor das linguas minorizadas a través da escena
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2024
Centro Dramático Galego desprega o seu plan de mobilidade para darlle ao público de toda Galicia a posibilidade de asistir ás representacións de Os actos e as profecías, o espectáculo central das celebracións do seu 40º aniversario. Desde o 12 de abril ao 25 de maio pasarán polo Salón Teatro máis de 1000 persoas de 51 concellos galegos e varios centros educativos, que terán a oportunidade de formar parte desta peza inmersiva na que o público é partícipe.
Aínda é posible inscribirse nos autobuses que se fretarán o próximo mes para poder asistir a algunha das 48 funcións que se representarán ata o 26 de maio. Tamara Canosa dirixe esta proposta, á que lle dan vida 20 intérpretes, e na que se reflexiona sobre o que desexamos e o que se finalmente se cumpre nas nosas vidas partindo dunha trama arredor dos coñecidos como talent shows televisivos.
Plan de accesibilidade
Os actos e as profecías exemplifica a folla de ruta que está a seguir nos últimos anos o teatro público galego, con especial incidencia neste ano de celebración. Neste sentido, esta peza afonda na accesibilidade territorial co reforzo do servizo de mobilidade do Centro Dramático Galego, grazas ao que público das catro provincias fará uso do servizo de autobuses habilitado para asistir ás funcións no Salón Teatro.
Ao remate do mes de abril teranse achegado a Santiago 11 autobuses con 494 persoas procedentes de Nigrán, Ares, Cabanas, Pontedeume, Miño, Vigo, Ribeira, Oleiros, Portas, Catoira, Laxe, Vimianzo, Zas, Cambados, Corcubión, Cee e A Baña; un total de 17 concellos ao que se suman dous centros educativo desde Vigo: a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e do IES Audiovisual.
Para maio, aínda están abertas as inscricións desde Chantada, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, A Teixeira, Rianxo, Padrón, Arnoia, Beade, As Somozas, Irixoa, Paderne, Arteixo, Culleredo, O Grove, Meis, Gondomar, A Guarda, Tomiño, Tui, Quiroga, Pantón, Muras, Xermade, Guitiriz, Arbo, Salvaterra, Cuntis, Vilariño de Conso, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Amoeiro, Vilamarín, Mesía e Frades. Serán 16 autobuses os que se despracen destes 34 municipios, para os que xa hai máis de 400 persoas anotadas e disponse dunha capacidade total para levar ata Santiago a 880. A inscrición faise nos concellos.
Inclusividade e actividades complementarias
O Centro Dramático Galego continúa traballando ademais no ámbito da acessibilidade, cunha clara aposta pola inclusión a través das habituais funcións descontraídas dos mércores, que posibilitan unha atmosfera acolledora para persoas necesidades especiais e mais a aplicación do SINTE, un sistema propio de lingua de signos e autodescrición que funciona en todas as sesións, para que o público con discapacidade visual e/ou auditiva poida gozar igualmente do espectáculo.
Como actividades complementarias a esta produción, levaranse a cabo tres sesións de improvisacións e un obradoiro. As Improversións, que se desenvolverán os días 8, 15 e 22 de maio ás 21,00 h., achegaranlle ao público unha serie de sesións arredor desta peza como punto de partida en colaboración con The Momento Impro.
Empregando tamén esta produción como material para explorar, o domingo 19, ás 17,30 h. na biblioteca do Salón Teatro, o colectivo Galgo Azul propón o obradoiro Verbas de luz dirixido a traballar coa cativada na recuperación de palabras en galego relacionadas co teatro e co espctáculo Os actos e as profecías. Impartido por Alouette Machine, os nenos e nenas de máis de catro anos poderán elaborar os seus propios carteis nunha imprenta itinerante, mestres os adultos asisten á función. Esta actividade enmárcase na iniciativa Domingos de conciliación.
Horarios e venda de entradas
As funcións de Os actos e as profecías desenvólvense de mércores a domingo ás 18,00 h., cun segundo pase ás 21,00 h. os venres e os sábados. A venda de entradas está dispoñible en ataquilla.com e tamén poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde unha hora antes do comezo de cada representación.
O Centro Dramático Galego leva traballando máis dun ano nesta proposta ao abeiro do proxecto europeo Phōnē, do programa Europa Creativa. Baixo o lema Dándolles ás linguas minorizadas unha voz, participan nela distintos departamentos da Xunta e entidades escénicas doutros sete países: Alemaña, Francia, Irlanda, Italia, Noruega, Países Baixos e Romanía. Vinculado a este proxecto, o Salón Teatro acolle tamén mañá domingo día 28 unha segunda representación de O corazón na boca, en coprodución coa compañía Nauta Teatro, coa interpretación a cargo de 13 actores e actrices de grupos membros da Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) e coa participación do alumnado do IES A Pinguela de Monforte nas realizacións de vestiario e atrezzo.