Nova: A exposición dedicada ao pintor José María Barreiro despídese do Museo Gaiás con máis de 20.000 visitantes
28/04/2024
A exposición dedicada ao pintor José María Barreiro despídese do Museo Gaiás con máis de 20.000 visitantes
‘Barreiro. O silencio que chove luz na xanela’ repasa a traxectoria do pintor de Forcarei, continuador da renovación das vangardas históricas
O conselleiro de Cultura, José López, que visitou a mostra acompañado do propio autor, destacou “o compromiso do Goberno galego coa difusión do legado dos artistas que marcaron unha época na pintura galega”
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2024
A exposición Barreiro. O silencio que chove luz na xanela despídese hoxe do Museo Centro Gaiás, onde fora inaugurada a finais do pasado mes de novembro, tras recibir máis de 20.000 visitantes.
O conselleiro de Cultura, José López, visitou a mostra acompañado polo autor, o pintor José María Barreiro (Forcarei, Pontevedra, 1940), continuador da renovación das vangardas históricas. Durante o percorrido, o titular de Cultura da Xunta destacou “o compromiso do Goberno galego coa difusión do legado dos artistas que marcaron unha época na pintura galega” e coñeceu de primeira man o contexto da obra.
Así, o relato pictórico ten en conta os lugares da vida de Barreiro (Pontevedra, Madrid, París, Vigo, Bos Aires e Santa María de Cela) tratando de mostrar a través do tempo (sesenta anos de traballo) o seu proxecto creativo. Nesta recompilación de obras evócase a actualidade da súa pintura, reconsiderando a totalidade do seu proxecto abarcado dende os seus numerosos temas. Son temas que falan de recordos, corpos espidos femininos, gaiteiros, músicos e instrumentos musicais, flores ou naturezas mortas. Na súa obra tamén se atopan amplas atmosferas como interiores de café ou a grande icona da súa pintura, a xanela.
Hoxe pecha as súas portas unha exposición, comisariada por Xosé Antón Castro e Pilar Corredoira, que dende o mes de novembro ofreceu a oportunidade de contemplar 50 pinturas e 80 debuxos, ademais de sete esculturas coas que Barreiro levou a pintura máis alá do lenzo. No percorrido queda patente tamén á súa grande amizade con dous dos grandes creadores que tivo Galicia, Urbano Lugrís e o poeta Carlos Oroza.
A mostra, coa que a Xunta de Galicia segue a poñer en valor a relevancia dos pintores galegos na historia da arte, como xa fixera antes con outra retrospectiva dedicada a Laxeiro, pode visitarse ata as 20.00 horas deste domingo na Cidade da Cultura.