Nova: López Campos salienta o prestixio dos Premios Minerva ao ter recoñecido o talento dos primeiros pasos de autores e autoras da literatura galega
29/04/2024
López Campos salienta o prestixio dos Premios Minerva ao ter recoñecido o talento dos primeiros pasos de autores e autoras da literatura galega
Pon en valor o prestixio destes galardóns que teñen premiado escritores e escritoras cunha longa e brillante traxectoria como Fausto Dopico, Ánxeles Pena, Fernando Ónega, Darío Xohán Cabana, Asunción Santos Castroviejo, Suso de Toro, Xosé Antonio Neira Cruz, Samuel Solleiro ou Olga Novo
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou esta tarde a “enorme creatividade e talento” na creación literaria, na narrativa e na poesía que teñen recoñecido e difundido os Premios Literarios Minerva ao longo dos seus 52 anos de existencia.
Así o puxo en valor na participación hoxe no acto de presentación do libro Cincuentenario dos Premios Minerva, no que se recompilan os traballos literarios galardoados con esta distinción polo Colexio M. Peleteiro desde o a súa posta en marcha no ano 1963.
López Campos considerou moi necesaria este tipo de publicación porque dá “testemuño non só da gran calidade” dos textos e dos autores e autoras premiadas, senón tamén porque pon de manifesto “a consolidación e o prestixio” destes galardóns que superan o medio século de vida.
Este certame escolar pretende contribuír ao fomento do uso do galego no ámbito educativo e a impulsar a literatura na lingua propia entre a mocidade. No concurso pode participar alumnado de 3º e 4º da ESO, bacharelato ou FP que curse os seus estudos en Galicia. A este premio pódense presentar traballos, tanto na modalidade de poesía como de narración, que deben ser orixinais, inéditos e en galego. Hai tres premios en metálico en cada categoría e as obras galardoadas son publicadas nun libro editado polo propio colexio.
Desde Fausto Dopico ata Olga Novo
O conselleiro lembrou como a primeira edición destas xustas poéticas se celebrou baixo a presidencia de Álvaro Cunqueiro e o primeiro premio en poesía galega recaeu en Fausto Dopico Gutiérrez, quen no futuro desenvolverá o seu labor profesional no campo da historia de Galicia.
López Campos salientou o feito de que a partir da segunda edición xa se incrementa dun xeito importante o número de traballos presentados e aparecen xa os nomes duns rapaces de bacharelato que dan os primeiros pasos do que será “unha longa e brillante traxectoria literaria”, como Xosé Ramón Fandiño Veiga (coordinador da Gran Enciclopedia Galega), Lois Diéguez (O ferro dos días, A canción do vagamundo) e tamén o hoxe xornalista Fernando Ónega.
O conselleiro fixo un repaso por algúns do autores e autoras premiados, xa que a estes nomes das primeiras edicións súmanse, ao longo de todos estes anos, outros con “renome e prestixio actual máis que consolidado”, entre os que citou a Darío Xohán Cabana, Asunción Santos Castroviejo, Suso de Toro, Xosé Antonio Neira Cruz, Samuel Solleiro ou Olga Novo, Premio Nacional de Poesía en 2020.
A obra premiada, que xa viña sendo publicada de anos atrás na revista colexial Vamos, recóllese agora, desde o ano 1990, en volumes independentes que se distribuían nos centros de ensino de Galicia.