Nova: Os adeuses da emigración galega cara a América, no Cervantes de Brasilia

16/04/2015

Os adeuses da emigración galega cara a América, no Cervantes de Brasilia

A mostra de Alberto Martí componse de 51 fotografías que reflicten o éxodo galego entre os anos 1957 e 1963

A exposición está organizada conxuntamente polo Centro de Artes da Imaxe (CGAI) da Consellería de Cultura e Educación e polo Consello da Cultura Galega

  • En 'Os adeuses' amósase o éxodo da emigración galega cara a América En 'Os adeuses' amósase o éxodo da emigración galega cara a América

Santiago, 16 de abril de 2015.- A sede do Instituto Cervantes en Brasilia (Brasil) acolle a partir de hoxe e ata o 15 de maio a exposición ‘Os adeuses, fotografías de Alberto Martí’, unha compilación de imaxes asinadas polo fotoxornalista coruñés entre 1957 e 1963, que reflicten a partida de emigrantes galegos no século pasado cara a América.

Esta é a segunda parada brasileira desta mostra itinerante, producida en 2011 polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consello da Cultura Galega, xa que entre o 9 e o 30 de marzo estivo instalada no Instituto Cervantes de São Paulo. A visita a Brasil forma parte do percorrido que xa leva realizado por gran parte da xeografía galega e española, ademais de Arxentina e Portugal.

‘Os adeuses, fotografías de Alberto Martí’ componse de 51 imaxes en branco e negro de tamaño 40 x 40 cm. Todas elas están positivadas en papel baritado e viradas ao selenio para a súa conservación. O tamén fotógrafo José Caruncho exerceu como coordinador técnico, autor do positivado e da selección das 73 fotografías que integran o catálogo e a compilación orixinal, a maior parte delas non reveladas ata o momento da estrea da exposición hai catro anos.

Valor artístico e documental
As fotos retratan o éxodo galego a América desde os portos da Coruña e Vigo no século pasado. Trátase dunha serie de escenas de gran emotividade, que plasman as despedidas e os reencontros protagonizados nos peiraos galegos por xente anónima. Ademais do seu valor artístico, constitúe un importante documento da época.

A exposición está dividida nas seccións ‘A ida’, ‘A volta’ e ‘O buque Santa María’, dedicada esta última ao barco portugués secuestrado en xaneiro de 1961 polo Directorio Ibérico de Liberación (DIL) durante a ruta Caracas- Lisboa-Vigo e a chegada a Galicia dos retidos no mes de febreiro dese mesmo ano.

Alberto Martí Vilardefrancos (A Coruña, 1922) é unha das figuras máis relevantes da fotografía galega, recoñecido pola súa condición de ‘retratista de historias humanas’. Desenvolveu o seu traballo tanto desde unha histórica tenda de fotografía da Coruña como ao longo dos máis de 50 anos nos que exerceu como reporteiro no xornal ‘La Voz de Galicia’. Ao longo da súa prolixa traxectoria, recibiu cantidade de galardóns nacionais e internacionais, entre os que destaca o Premio Nacional de Periodismo Gráfico.

Comparte