Nova: Cultura no Camiño ofrece 110 funcións e concertos en 34 concellos da Coruña
17/04/2015
Cultura no Camiño ofrece 110 funcións e concertos en 34 concellos da Coruña
O Museo do Humor-Casa da Cultura de Fene acolle hoxe o ‘Monólogo de Isi’, primeira das citas culturais do ciclo que esta fin de semana chegará tamén a Boimorto, Cambre e Ribeira
Promovido pola Agadic e Turismo de Galicia xunto a 93 municipios de toda Galicia, Cultura no Camiño despregará durante seis meses unha carteleira de teatro, música, danza, maxia e novo circo para todos os públicos
Santiago, 17 de abril de 2015.- O programa para a provincia da Coruña de Cultura no Camiño arranca hoxe venres día 17 en Fene cun monólogo a cargo do cómico televisivo José Manuel Rodríguez ‘Isi’. Esta é a primeira cita dunha ampla carteleira que chegará ata finais de setembro a 34 concellos coruñeses nos que se levarán a cabo un total de 110 funcións escénicas e concertos.
A ‘Monólogo de Isi’, que terá lugar ás 20.00 h no Museo do Humor-Casa da Cultura da localidade de Ferrolterra, seguiranlle este sábado outras tres actuacións para todos os públicos: a montaxe do Mago Polo ‘Fusión’, de Abarajar Producións, ás 17:00 h na Casa da Cultura de Boimorto, a nova proposta de maxia de Martín Camiña ás 19:00 h no Centro Sociocultural do Graxal (O Temple) en Cambre e a exposición-espectáculo ‘Viaxar con títeres’ coa que Títeres Cascanueces visitará ás 19:00 horas o Auditorio Municipal de Ribeira.
Cultura no Camiño, que se enmarca na programación cultural conmemorativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela, está promovido pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia, e co patrocinio de Gadis. Na súa materialización implícanse, así mesmo, un total de 93 municipios de toda Galicia polos que discorre algunha das rutas xacobeas.
No caso da provincia da Coruña, ademais de Fene, participan nesta iniciativa os concellos de Abegondo, Ames, Arzúa, A Coruña, A Pobra do Caramiñal, Betanzos, Boimorto, Boiro, Cambre, Carral, Cee, Corcubión, Culleredo, Dodro, Dumbría, Fisterra, Melide, Miño, Narón, Neda, Negreira, O Pino, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sobrado e Teo.
Programa multicultural
En Cultura no Camiño, concertos de diversos estilos, así como funcións de teatro, danza, maxia e novo circo compoñen un intenso calendario cultural e de lecer que sae ao encontro dos veciños e visitantes de cada localidade, con actuacións que se desenvolven tanto nos escenarios locais como en emprazamentos ao aire libre. Dentro da provincia da Coruña, figuran nos próximos meses, por exemplo, os recitais de Radio Cos na Coruña, Milladoiro en Ames, Xoán Curiel en Carral e Neda, Treixadura en Narón, Budiño en Negreira, Guadi Galego en Melide ou Caxade en Rianxo, así como as últimas propostas escénicas de Baobab Teatro en Boiro, Teatro do Atlántico en Cambre, Pistacatro Produtora de Soños en Cee, Dumbría, Ordes, Pontedeume e Santiago, ou Talía Teatro en Fisterra, Dumbría, Melide e Rois.
A programación completa está dispoñible para a súa consulta no web da Agadic (www.agadic.culturanocamino), así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.xunta.es/gl/axenda).