Nova: Play-Doc ofrecerá 32 documentais procedentes de 17 países

16/04/2015

Play-Doc ofrecerá 32 documentais procedentes de 17 países

O festival internacional regresa a Tui do 22 ao 26 abril con espazos para a crítica, homenaxes aos cineastas Albert Maysles e Manuel Mozos, e unha retrospectiva sobre Claire Simon

  • Cartel Play-doc 2015 Cartel Play-doc 2015
  • O Festival Internacional de Documentais de Tui O Festival Internacional de Documentais de Tui
  • O Festival Internacional de Documentais de Tui O Festival Internacional de Documentais de Tui

Tui (Pontevedra), 16 de abril de 2015.- O Festival Internacional de Documentais de Tui regresa este ano cunha programación que inclúe 32 filmes procedentes de 17 países e na que a creación feminina terá unha presenza protagonista, xa que a metade das cintas están dirixidas por mulleres. Así o avanzaron esta mañá os directores do certame, Sara García e Ángel Sánchez, nunha rolda de prensa na que tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez.

“Do 22 ao 26 de abril temos unha oportunidade única de achegarnos a un xénero interesantísimo, o do cinema documental, cunha selección de alto interese e calidade”, dixo Anxo Lorenzo, quen destacou a presenza no festival de “olladas e reflexións innovadoras”, con “espazo para a creación galega actual, para referentes de preto dunha vintena de nacionalidades e para o desenvolvemento de traballos”, en referencia ás películas que se presentarán froito de obradoiros de edicións anteriores.

Potencial e talento do audiovisual galego
“Sabemos que existe en Galicia un enorme potencial neste sector, moito talento e un saber facer xa consolidado”, afirmou o secretario xeral, quen tamén incidiu na necesidade de incorporar ás programacións o diálogo entre distintas disciplinas para atraer ao festival outros públicos, como é o caso da sección Play-Doc Live! 1906, que sobe á escena músicos que centraron recentes documentais. Nesta ocasión o músico luso The Legendary Tigerman virá presentar o seu último álbum, True, e a cinta homónima, sobre o proceso creativo do disco.

O cine galego volverá estar presente nesta nova edición do festival, cunha sección específica que recolle os sete títulos documentais máis destacados da tempada. Amais destas proxeccións, o festival acollerá unha mesa redonda arredor dos filmes pensados para se difundir a través da rede, en museos e noutros espazos expositivos.

Novas promesas e realizadores consagrados
A sección oficial de Play-Doc incluirá sete títulos, onde teñen cabida traballos de novas promesas xunto con títulos de recoñecidos realizadores como Fernand Melgar, Göran Hugo ou J.P. Sniadecki. Ademais, cada ano, o festival dedica retrospectivas a grandes cineastas. Nesta edición, amosará sete filmes da francesa Claire Simon, un referente do cinema que mestura a ficción co documental. Amais de presentar a súa obra, o festival ofrecerá unha clase maxistral para afondar na natureza da súa metodoloxía.

Novidades
Tamén haberá novidades, como as seccións Play-Doc Workshops e Resonancias. A primeira presentará tres traballos de cineastas que participaron en diversos obradoiros de edicións anteriores do festival. A segunda preséntase como a sección da crítica coordinada pola Asociación Convergencias de la Crítica Cinematográfica. O festival incorpora, ademais, un novo premio da crítica outorgado por Camira (Cinema and Moving Image Research Association).

A programación completarase cunha sesión dedicada autor luso Manuel Mozos, con dúas proxeccións o 25 de abril para conmemorar o aniversario da Revolución dos Cravos, e mais coa estrea española de Iris, último traballo do recentemente falecido Albert Maysles, lenda do cinema directo, ao que Play-Doc acolleu hai dous anos cunha intensa retrospectiva.

Ademais da Consellería de Cultura e Educación, a través da Agadic, tamén colaboran co festival Play-Doc a Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Tui. O ICAA (Instituto de la Cinematografía y las Artes Audiovisuales) e AC/E (Acción Cultural Española) completan as axudas públicas a Play-Doc, que tamén conta co apoio de Gas Natural Fenosa, R, Gadis e Hijos de Rivera.

Comparte