Nova: Galicia participa na feira internacional do cómic 2024 FICOMIC Barcelona con preto dun cento de títulos
02/05/2024
Galicia participa na feira internacional do cómic 2024 FICOMIC Barcelona con preto dun cento de títulos
Acoden figuras e editoriais máis representativas da banda deseñada galega, como Manuel Cráneo, Kiko da Silva, Fausto Isorna ou Gemma Sesar
A Comunidade retoma con forza a súa presenza nesta importante cita sectorial, á que non asistía desde hai 15 anos
Santiago de Compostela, 2 de maio de 2024
Galicia participará desde mañá venres, día 3, na Feira Internacional do Cómic 2024, FICOMIC. Barcelona, cun expositor propio co obxectivo de facer medrar aínda máis a presenza no eido da banda deseñada, onde a comunidade é xermolo e viveiro de moitos proxectos e creadores e creadoras con talento e prestixio, tal e como demostra que o cartel desta edición estea realizado pola ilustradora galega Enma Ríos. Na mostra darase promoción e difusión a 80 títulos de novidades editoriais deste xénero.
Galicia retoma así con forza a súa presenza nesta importante cita sectorial á que non asistía desde hai 15 anos e faino co participación de figuras e editoriais máis representativas do cómic e da banda deseñada de Galicia, como Manel Cráneo, no seu triple papel de coordinador de Viñetas do Atlántico, ilustrador e editor de Demo editorial; Kiko da Silva, ilustrador, director de O Garaxe Hermético, Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración e xerente de Retranca editora; e por parte de El patito editorial, estarán representados Fausto Isorna e Gemma Sesar.
Actividades
As actividades de Galicia na FICOMIC arrancan mañá mesmo coa presentación da edición deste ano de Viñetas desde o Atlántico, coa presenza do seu director, Manel Cráneo, e Laura Blanco. A ilustradora encargada do cartel deste ano, Genie Espinosa, estará presente a través dun vídeo. E, en representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, asistirá Cristina Rubal, subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro.
A FICOMIC tamén acollera a presentación de Imaxinaria, o Festival Internacional de Cine de Animación, que se celebrou na Coruña en marzo deste ano; e do certame Compostela Ilustrada.