Nova: Suso de Toro reflexiona sobre lingua e literatura no ciclo Cara a onde?

11/04/2015

Suso de Toro reflexiona sobre lingua e literatura no ciclo Cara a onde?

Impartiu no CGAC o relatorio ‘Unha obra literaria pide lector, unha literatura pide estado’, nunha sesión na que tamén participaron Henrique Alvarellos, Xosé López Silva, Ramón Nicolás e Alfredo Conde, director do ciclo, e á que asistiu Anxo Lorenzo

A iniciativa, que aborda desde a literatura a construción cultural e social, tamén contará con Carme Riera, o 23 de maio, e con Bradley Epps, o 20 de xuño

  • Suso de Toro Suso de Toro. Foto de Pío García

Santiago, 11 de abril de 2015.- O escritor Suso de Toro participou esta mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) no ciclo ‘Cara a onde? Observando a transformación cultural e social desde a literatura’, no marco da sesión ‘Unha obra literaria pide lector, unha literatura pide estado’. O autor galego, que compaxina a docencia co seu traballo literario, a creación de guións para radio e televisión e as colaboracións en diferentes medios de comunicación, reflexionou sobre a necesidade das linguas duns espazos sociais e nacionais para existiren e a protección dun estado que vincule a súa existencia á da propia lingua.

O director do ciclo, Alfredo Conde, foi o encargado de moderar a segunda sesión do ciclo, á que asistiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Para enriquecer este espazo de pensamento, a iniciativa tamén conta coa participación de Henrique Alvarellos, Xosé López Silva e Ramón Nicolás, coñecedores e analistas da produción literaria actual, para incorporar outros puntos de vista e enriquecer o debate.

Nacido ao abeiro da literatura para analizar desde a ollada dos escritores e das escritoras a relación entre o devir da sociedade e a cultura, o ciclo conta coa participación de voces literarias claves na actual construción cultural. Logo da sesión inaugural, que correu a cargo do escritor e académico da lingua vasca Bernardo Atxaga, e da sesión con Suso de Toro, tamén participarán nos próximos meses Carme Riera, o sábado 23 de maio, e Bradley Epps, que pechará o ciclo o sábado 20 de xuño.

Próximas sesións
‘A literatura morreu, viva o fútbol’, é o título da intervención que realizará Carmen Riera o 23 de maio. Premiada pola autoría de novelas, contos e ensaios en catalán e castelá, é membro da Real Academia Española e da Real Academia de Boas Letras de Barcelona. A súa obra foi traducida a numerosas linguas entre as que se atopa o alemán, o ruso, o grego ou o hebreo. A escritora expón a perda de interese do pobo pola literatura ao deixar de ser un feito ligado á cuestión nacional, fronte aos equipos de fútbol que si conseguen esa forte relación a pesar da orixe diversa dos seus integrantes.

A derradeira xornada será o 20 de xuño cun relatorio a cargo de Bradley Epps baixo o título ‘A que(e)renza do normal: tensións e torceduras da identidade nacional e lingüística’. Profesor de literatura española en diversas universidades de Estados Unidos e Reino Unido como Harvard ou Cambridge, e fondo coñecedor das diferentes realidades culturais da península Ibérica, os seus traballos tocan temas como a muller, o xénero, a literatura ou a arte. Epps reflexionará sobre o estado permeable e precario das letras e sobre a estranxeiría como condición continxente: non se é estraño ou estranxeiro senón que se está. Unha condición que atravesa toda lingua normalizada, non normalizada e por normalizar.

Comparte