Nova: As Residencias do Gaiás impulsan dous proxectos de arte sonora baseados na revolta das cigarreiras da Coruña e nos sons dos palcos da festa galegos
07/05/2024
As Residencias do Gaiás impulsan dous proxectos de arte sonora baseados na revolta das cigarreiras da Coruña e nos sons dos palcos da festa galegos
Ambos desenvólvense no marco do programa REGA a través da colaboración da Xunta de Galicia co festival RESIS e co Instituto de Ciencias do Patrimonio
‘Sereas’ de Xoán-Xil López compón unha peza contemporánea inspirada na revolta das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857 con textos da poeta Alba Cid
A obra presentarase nunha xornada de portas abertas o venres 10 de maio ás 19,00h no Museo Gaiás, previa á súa estrea o 11 de maio no festival RESIS na Coruña
A artista sonora Matilde Meireles rexistrará as paisaxes sonoras e testemuños ao redor dos campos da festa galegos vinculados ao proxecto ‘Palcos’ do Incipit-CSIC
Con estas gravacións dará forma a unha instalación sonora que se dará a coñecer ao público en 2025 como parte dos resultados da investigación
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2024
A Xunta de Galicia impulsa a transformación artística do patrimonio sonoro galego a través de dúas residencias dos artistas Xoán-Xil López e Matilde Meireles. Faino a través da Fundación Cidade da Cultura en colaboración co festival RESIS de música contemporánea e co Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC).
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, deron a benvida hoxe na Cidade da Cultura a ambos artistas, que estarán a traballar no Gaiás dentro do programa de Residencias Artísticas do Gaiás. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé na importancia da colaboración institucional para dar pulo a proxectos coma estas residencias, nas que a arte serve de ponte para achegar ao público os resultados da investigación científica, poñendo en valor o patrimonio inmaterial galego.
No proxecto impulsado en colaboración co festival RESIS, titulado Sereas, o lugués Xoán-Xil López está a dar forma a un concerto inspirado no levantamento das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857, cando estas se revelaron contra a mecanización da produción arroxando ao mar as máquinas adquiridas pola empresa. Trátase dunha peza que aborda a relación paradoxal do ser humano coa tecnoloxía, e a resistencia fronte a un capitalismo tecnolóxico que persegue incrementar a concentración dos bens de produción en lugar de redistribuílos.
A partir deste feito histórico, o artista está a compoñer unha peza para soprano, voz falada, acordeón, cello, percusión e electrónica, baseada nos textos escritos pola poeta Alba Cid a partir de entrevistas sobre a memoria da paisaxe sonora industrial coruñesa, documentación de arquivo e diálogos con antigas traballadoras da fábrica. Como base sonora, un dispositivo formado por seis sereas mecánicas, controladas de maneira manual para xerar harmonías complexas, lembran ás que marcaban os tempos de traballo e descanso na propia factoría.
A directora xeral de Promoción da Igualdade manifestou non só a relevancia de dar visibilidade a un acontecemento que inaugurou o movemento obreiro feminino en Galicia, senón tamén de facelo a través do impulso á creación artística, cunha proposta que conta coa participación de dúas mulleres destacadas do ámbito das letras e da música, a escritora ourensá Alba Cid (Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2020) e a soprano barcelonesa Adriana Aranda.
O venres 10 de maio ás 19,00 horas poderá escoitarse no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura un avance do proxecto, nunha xornada de portas abertas previa á estrea de Sereas ao día seguinte —sábado 11 de maio ás 20,00 horas— na Fábrica de Tabacos da Coruña.
Ecos dos palcos das festas
A segunda residencia de investigación e creación artística será a da artista portuguesa Matilde Meireles, que realizará diversas gravacións de campo nos lugares de celebración, tanto en uso como abandonados, das festas parroquiais galegas. Meireles traballará recollendo sons a diferentes escalas para reflexionar acerca de como o paso do tempo e as mudanzas nas formas de facer a festa deixan a súa pegada nos vestixios materiais das paisaxes sonoras destes espazos.
Estes rexistros sonoros irán acompañados da recollida de testemuños e memorias asociadas á festa que servirán como base para o deseño dunha instalación que se presentará en 2025 como parte dos resultados da investigación Palcos, desenvolvida polo Incipit-CSIC co financiamento da Axencia Galega de Innovación.
Na benvida a estas novas residencias artísticas estiveron presentes, ademais, o director artístico do festival RESIS de música contemporánea, Hugo Gómez-Chao, a vicedirectora do Incipipt-CSIC, Cristina Sánchez Carretero, o investigador principal do proxecto Palcos, Iñigo Sánchez-Fuarros e a tamén investigadora Fátima Rodríguez Porto.