Nova: O Centro Coreográfico Galego coproducirá o espectáculo Atlántica coa compañía Balletnorte
17/04/2015
O Centro Coreográfico Galego coproducirá o espectáculo Atlántica coa compañía Balletnorte
A montaxe, que se estreará no prazo de dous meses, está inspirada na obra dos autores do Rexurdimento e conta con música orixinal de Ismael Berdei e espazo audiovisual de Pixel Films
Santiago, 17 de abril de 2015.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a nova compañía galega BalletNorte asinaron un contrato para a coprodución este ano a través do Centro Coreográfico Galego do espectáculo ‘Atlántica’, dirixido por Juan Miguel Hernández. Esta sinatura responde á resolución do proceso de licitación pública convocado no pasado mes de novembro para ofrecerlles ás compañías privadas galegas a posibilidade de coproducir unha montaxe de danza moderna, neoclásica ou contemporánea a través da unidade de produción de danza da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Segundo o documento subscrito, un contrato privado de contido artístico tramitado por procedemento aberto, a Agadic achegará 50.000 euros para este proxecto, en tanto que BalletNorte asumirá os deseños de escenografía, vestiario e iluminación, a selección e contratación de intérpretes, e os ensaios e a distribución da montaxe cun mínimo de seis representacións públicas.
BalletNorte, con sede na Coruña e da que é titular Paloma Pérez-Colomer, está formada por profesionais que proveñen doutras compañías, entre elas o Centro Coreográfico Galego. Na actualidade intégrana doce bailaríns e bailarinas de diferentes nacionalidades, aínda que a maior parte son de orixe galega. Todos eles posúen formación en danza clásica e contan con interpretacións neoclásicas e contemporáneas nas súas traxectorias.
A partir dun fragmento de Murguía
‘Atlántica’, que se estreará nun prazo de dous meses, será unha peza coreografiada por Juan Miguel Hernández sobre a música especialmente composta para o espectáculo por Ismael Berdei e cun espazo audiovisual deseñado por Pixel Films. Está inspirada nos poetas do Rexurdimento literario galego, como homenaxe á súa achega á nosa cultura. A través dunha visión contemporánea, a obra buscará facerlles partícipes aos espectadores de soidades, temores, amores e desamores, tomando como punto de partida un fragmento da novela de Manuel Murguía ‘La mujer de fuego’.
Durante o período de ensaios anterior á estrea, BalletNorte recibirá asistencia por parte do Centro Coreográfico Galego en canto a análise, asesoramento, planificación e viabilidade de estratexias, tanto no relativo á xestión, financiamento e comercialización como no tocante aos aspectos artísticos.
Juan Miguel Hernández (Madrid, 1975) realizou estudos de danza en Madrid na Escola María de Ávila, no Real Consevatorio Profesional de Danza e na Escola de Víctor Ullate. Posúe unha ampla carreira como bailarín solista e de corpo de baile en pezas asinadas por creadores tan recoñecidos como Nacho Duato, Maurice Bêjart, William Forsyhte, Hans van Manen ou Víctor Ullate. Nos últimos anos formou parte dos elencos de pezas do Centro Coreográfico Galego, como ‘Magnificat’, de Amaury Lebrun; ‘Honey Moon’, de Toni Fabre; ‘Aínda’, de Mercedes Suárez; ou ‘Full House’, de Johan Inger.