Nova: A Casa da Parra presenta unha nova etapa de Teo Soriano
17/04/2015
A Casa da Parra presenta unha nova etapa de Teo Soriano
Comisariada por Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, 'Umbral' abre a etapa da definitiva madureza do artista e propón unha lectura aberta dos seus últimos traballos
As 14 obras que compoñen a instalación son inéditas e poderán verse ata o 30 de xuño no centro expositivo de Cultura
Santiago, 17 de abril de 2015.- A Casa da Parra acolle desde hoxe e ata o vindeiro 30 de xuño ‘Umbral’, de Teo Soriano, unha exposición que presenta un importante cambio de rumbo na traxectoria do artista e que abre a etapa da súa definitiva madureza. A mostra foi inaugurada esta tarde polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, nun acto no que, ademais do propio artista, tamén interviron os comisarios da exposición, Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, e mais a coordinadora da mostra, Margarita Rueda.
Pintor consolidado e asentado en Galicia, Teo Soriano “amósanos experiencia, capacidade para suxerir desde o esencial”, afirmou o secretario xeral de Cultura, que se referiu ao artista “como un magnífico exemplo do que se está a crear hoxe na nosa terra”. Tamén puxo en valor Anxo Lorenzo o feito de que todas as obras que conforman a mostra son “inéditas e realizadas especialmente para esta exposición da Casa da Parra”, onde se poderán ver ata o vindeiro 30 de xuño.
‘Umbral’ propón unha lectura aberta dos últimos traballos de Teo Soriano a través de 14 pezas, incluídos varios dípticos e polípticos, realizadas en materiais de moi diversa factura e moitos deles atopados, como a madeira, o aluminio, o cemento e o papel, traballados despois con toda clase de pinturas e pigmentos: óleo, acuarela, acrílico, esmalte etc. A exposición abre un abano de posibilidades, de novos camiños nos que cada obra se lle ofrece ao espectador libre de maquillaxe e cada peza define un espazo sempre a piques de anular a fisura entre o soporte e a imaxe.
O artista
Teo Soriano utiliza a abstracción como procedemento; unha abstracción orientada cara aos conflitos de definición da natureza da imaxe que se intúen nas súas pinturas como campos de cor, na súa reivindicación da pintura como medio de expresión. O artista amosa un conxunto de lenzos de tamaño xeneroso, que combina con pequenas ensamblaxes de materiais encontrados e buscados. En ambos os dous contextos, Teo Soriano persegue o impuro, o cruzamento, o rastro dunha vida ou acción que precede ao resultado.