Nova: Ferrol acolle a Feira do Libro de Galicia, coincidindo coa Festa da Lectura

17/04/2015

Ferrol acolle a Feira do Libro de Galicia, coincidindo coa Festa da Lectura

Presentación e sinatura de libros, contacontos e maxia, entre as actividades desta cita do 22 ao  26 de abril

Tras a cidade departamental, as Feiras do Libro de Galicia chegarán ata agosto a Santiago, Lugo, Ourense, Vigo, Ribeira, Rianxo, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte de Lemos

  • Cartel da Feira dos Libros de Galicia 2015 Cartel da Feira dos Libros de Galicia 2015
  • Anxo Lorenxo na presentación da feira Anxo Lorenxo na presentación da Feira do Libro de Ferrol
  • Anxo Lorenxo na presentación da feira Anxo Lorenxo na presentación da Feira do Libro de Ferrol

Ferrol, 17 de abril de 2015.- As Feiras do Libro de Galicia, promovidas pola Federación de Librarías e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, chegarán a Ferrol o 22 de abril, onde permanecerán ata o vindeiro día 26. Neste tempo, a cidade ferrolá celebrará a vixésimo sexta edición desta Festa da Lectura, do Libro e da Palabra, que foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey; pola presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; pola concelleira de Cultura de Ferrol, Susana Martínez; e polo presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrol, Antonio Martínez.

Ademais das novidades editoriais nos postos das librerías que participan no evento, Anxo Lorenzo destacou na presentación as diversas actividades dirixidas a todos os públicos que ofrecerá a feira de Ferrol para lle achegar á cidadanía o libro e a lectura, entre as que se inclúen presentacións e sinatura de libros, contacontos, obradoiros, actuacións musicais e diversas propostas arredor do xadrez. Tamén recordou o secretario xeral o especial interese da feira de Ferrol ao coincidir coa celebración do Día Internacional do Libro, o 23 de abril.

Presentación e sinatura de libros
Logo da inauguración, o 22 de abril, que contará co pregón do escritor Xavier Puente Docampo e coa actuación do Real Coro de Toxos e Froles, a feira abrirá a súa programación o xoves 23 cunha actividade de animación lectora a cargo da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia e cun contacontos de Miguel Ánxel Alonso, de Nova Galicia Edicións. Ademais da actuación do Conservatorio de Música Xan Viaño de Ferrol, ese mesmo día tamén se presentará o libro ‘Quimera’, de Teresa Cameselle.

O escritor e xornalista Xurxo Souto estará na feira o venres 24 de abril para presentar ‘Océano para terrícolas’, un espectáculo baseado no seu libro ‘Contos do mar de Irlanda’ (Edicións Xerais), gañador do Libro do Ano nos XXIV Premios Irmandade do Libro. A programación para ese día completarana as escritoras Pilar Barreiro e Fusa Guillén, coa sinatura de exemplares das súas obras, Xesús Constela, que presentará o seu libro ‘Apoteose das perchas’, e o contacontos ‘Os contos de Pablísimo’.

Obradoiros, contacontos e xadrez
Xa na fin de semana, o sábado 25 e o domingo 26 de abril, a feira contará coa participación dos escritores Juan Pablo Rodríguez, Pablo Núñez, Paula Merlán, Concha Blanco, Sonia Mirón, Nieves Abarca, José Luis Casteleiro, Miguel García Seoane, Antón Cortizas e Henrique Costas. Ademais do contacontos ‘Exploradoras’, de Trécola Teatro, e dos obradoiros de cociña e elaboración de gominolas, a feira tamén contará con diversas propostas arredor do xadrez, con exhibición de partidas simultáneas e a II Mostra popular de xadrez, que contará coa participación do alumnado dos 21 centros de educación infantil e ensino primario de Ferrol.

Próximos eventos
Baixo o lema ‘A historia en letras’, en homenaxe ao escritor, historiador e profesor Xosé Filgueira Valverde –ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o 17 de maio–, as Feiras do Libro de Galicia iniciaron o pasado 14 de abril en Pontevedra a edición de 2015, que percorrerá un total de 12 concellos das catro provincias galegas.

Logo de Pontevedra e Ferrol, o 1 de maio será a quenda da capital de Galicia, onde permanecerán ata o día 10 dese mes. Tamén no mes das letras, do 12 ao 17, as feiras chegarán ata Lugo, para, a continuación, viaxar a Ourense do 2 ao 7 de xuño. Xa no verán, a primeira cita será en Vigo, do 3 ao 12 de xullo, para despois continuar nese mesmo mes por Ribeira, do 16 ao 19, e mais por Rianxo, do 23 ao 26. No mes de agosto regresará a feira do libro da Coruña, que se celebrará do día 1 ao 10. A continuación, a provincia lucense acollerá as tres últimas citas deste ano, nos concellos de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 20 ao 23; e, finalmente, de Monforte de Lemos, onde terá lugar do día 26 ao 29.
 

Comparte