Nova: A Xunta colabora cunha vintena de editoriais para a tradución de 83 obras
08/05/2024
A Xunta colabora cunha vintena de editoriais para a tradución de 83 obras
A iniciativa, incluída no Plan de impulso do libro galego, está dirixida a favorecer que as obras galegas se editen noutras linguas, impulsando así a proxección internacional da nosa cultura
Tamén se fomenta a publicación en galego de obras escritas noutros idiomas
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2024
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acaba de conceder axudas a 20 editoriais para a tradución de 83 obras, tal e como se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG). En total, a orde de axudas destinaba 200.000 euros a esta convocatoria co obxecto de favorecer que as obras galegas se editen noutras linguas ao tempo que se fomenta a tradución.
A maioría das obras foron presentadas para a súa tradución ao galego, agás cinco ao inglés; sete ao castelán; e dúas ao portugués. Os libros adxudicatarios destas axudas están escritos orixinalmente en 10 idiomas diferentes: inglés, castelán, galego, catalán, francés, alemán, neerlandés, sueco, portugués e esloveno.
As axudas, que forman parte do Plan de impulso do libro galego, teñen como obxectivo apoiar que as empresas editoriais galegas conten con vías para proxectar internacionalmente a súa produción ao tempo que se favorece que os galegos poidan acceder en lingua galega a títulos significativos producidos noutras linguas. Son de concorrencia competitiva e sufragan os custos de tradución das diferentes obras literarias en formato papel ou dixital e o importe máximo por obra será de 6.000 euros.
Estas achegas están dirixidas a persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras e, entre os requisitos, inclúese que só se pode subvencionar a tradución dun mesmo título e cada empresa pode presentar solicitude para a tradución dun máximo de 15 obras. Ademais, entran dentro do obxecto da subvención as obras para unha primeira tradución ou para aquelas das que teñan pasado máis de 20 anos desde a última tradución.
Entre os criterios de valoración para a concesión figuraron o interese cultural da obra, en función de se o orixinal é dun autor galego ou non, a traxectoria profesional do tradutor ou a extensión da tradución e as características da mesma (se se trata doutras linguas ao galego, viceversa e se son obras dun autor clásico ou non), entre outras. Das obras presentadas nesta convocatoria, quedaron excluídas seis por non acadar a puntuación mínima, non estar de alta no Imposto sobre Actividades Económicas ou por desistir.