Nova: O Porriño súmase ás Feiras do Libro de Galicia que están a percorrer 13 cidades e vilas galegas

09/05/2024

O Porriño súmase ás Feiras do Libro de Galicia que están a percorrer 13 cidades e vilas galegas

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asiste á inauguración neste concello pontevedrés que serve tamén para achegarse á obra da autora á quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, Luísa Villalta

O barrio San Bieito acollerá ata o vindeiro domingo, 12 de maio, máis dunha trintena de actividades vencelladas ao libro e á lectura con concertos, presentacións, contacontos, recitais poéticos e teatro infantil

O Porriño, 9 de maio 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou esta tarde a Feira do Libro do Porriño, parada do circuíto ao redor da lectura que este ano está a percorrer 13 cidades e vilas das catro provincias de Galicia, impulsada pola Federación de Librarías de Galicia e a Xunta.

 

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor o feito de que esta cita serve ademais para ter máis preto os escritores e escritoras e, especialmente este ano, a autora á quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, Luísa Villalta.

 

Anxo M. Lorenzo explicou que ata o vindeiro domingo, 12 de maio, o barrio San Bieito vai ser “reclamo moi atractivo” para que a xente que se achegue e coñeza de primeira man ás creacións máis actuais, a través de presentacións, concertos, recitais e obras teatrais pensadas para a cativada. Con esta intención de converterse durante estes días no epicentro do libro e da lectura, artellaranse máis dun trintena de actividades dinamizadoras.

 

Precisamente, o director xeral de Cultura remarcou a “prioridade especial” que a Xunta lles dá ao libro e á lectura co obxecto de fomentar unha sociedade que poida acudir a eles para obter respostas e espertar unha conciencia crítica a través dos diferentes formatos nos que actualmente se presenta á sociedade. De igual xeito, enxalzou o papel do libro como un dos  “primeiros referentes” de cara a recoller e difundir a identidade e cultura da nosa Comunidade.

 

Finalmente, Anxo M. Lorenzo rematou a súa intervención cun recoñecemento especial ao feito de que o pregón desta feira recaese no Club de Lectura da Biblioteca Municipal do Porriño pola súa grande implicación e actividade na dinamización lectora.

 

Feiras vencelladas co Día do Libro e Día das Letras

As Feiras do Libro de Galicia están vencelladas coa programación tanto do Día Internacional do Libro (23 de abril) como das Letras Galegas, con ambas datas como reclamo procúrase que esta cita cultural se transforme en festa da lectura, do libro e da palabra. Ademais, tendo en conta a proximidade do 17 de maio, supón unha oportunidade para achegarse máis polo miúdo á obra de Luísa Villalta; poeta, dramaturga, ensaísta, música e docente.

 

13 vilas e cidades en abril, maio, xullo e agosto

O Porriño é a terceira das 13 citas co libro e coa lectura que están a gozar os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Logo de que as Feiras do Libro de Galicia deran comezo en Ferrol e continuasen en Santiago de Compostela, agora tócalle a quenda ao Porriño. A continuación, seguiralle a cidade de Lugo, do 13 ao 17 de maio.

Comparte