Nova: Mostra antolóxica de Fondevila en Silleda

17/04/2015

Mostra antolóxica de Fondevila en Silleda

A exposición recompila máis de sesenta pezas da longa e recoñecida traxectoria do pintor e escultor nado neste concello do Deza

  • Mostra antolóxica de Fondevila en Silleda Mostra antolóxica de Fondevila en Silleda

Santiago, 17 de abril de 2015.- Apertura da mostra antolóxica dedicada ao pintor e escultor silledense José Antonio Fondevila. Coa colaboración da Xunta de Galicia, a exposición permanecerá na Casa da Cultura de Silleda ata o vindeiro 16 de maio, ofrecendo visitas guiadas a grupos os domingos.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na apertura desta exposición. Durante a súa intervención o conselleiro salientou as calidades de Fondevila como persoa, amigo e artista. Neste último senso sinalou que a obra deste autor explora con liberdade o sentido da realidade, provocando a reflexión pola crítica social que encerra; ao tempo que reflicte as emocións e transmite autenticidade.

O conselleiro quixo ademais felicitar aos organizadores da mostra pola súa sensibilidade e atención á cultura, así como ao propio Fondevila pola súa traxectoria, que sigue o ronsel dos grandes artistas da bisbarra como Laxeiro, Sucasas, Lamazares, ou Lareo, entre outros.

Na apertura da mostra participaron, ademais do conselleiro, o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña; a comisaria da exposición, Pilar Taboada; e o xornalista Manuel Núñez Fiuza.

Unha mirada universal
As tres salas da Casa da Cultura de Silleda acollen esta exposición, composta por 43 cadros e debuxos e 18 esculturas de Fondevila, así como por diverso material divulgativo sobre o seu traballo. Así, a sala A acollerá as creacións baixo o título “Cuarta dimensión”, mentres que nas dúas restantes poderase gozar dunha selección das obras do autor que integran coleccións privadas e retratos, así como das pezas que non adoita amosar nas súas exposicións, como os retratos a lapis.

Nado na parroquia de Fiestras en 1952, José Antonio Fondevila é diplomado pola Universidade Internacional de Arte de Miami Interart. A súa traxectoria artística, que arrincou en 1993, está marcada por galardóns como o primeiro premio do Concurso-Exposición “Herencia Hispana”, organizado polo Museum of the Americas de Miami; ou Honorífico do IV Salón Internacional de Artes Plásticas (Sant Jaume de Llierca); entre outros recoñecementos, mencións honoríficas, diplomas de honra e á calidade artística. Ao longo destes 22 anos o autor ten amosado a súa obra en máis dun cento de citas artísticas, tanto no noso país como en outros como Italia, Dubai, EEUU, Suecia, Portugal ou Bélxica.

Un periplo que facilitou a mirada universal que ofrece a súa obra que, en palabras da comisaria da mostra, “conecta co espectador e pode ser lida en calquera país”. Unha obra que se enfronta aos retos do seu tempo e na que, tamén segundo Pilar Taboada, “prevalece a autenticidade e vontade de denuncia, de alerta, de convidar á reflexión e a percibir o que está máis aló da sinfonía da cor, da linguaxe dos elementos de expresión plástica, do visual ou o sensorial e chegar á alma oculta da obra”.

Comparte