Nova: A cidade de Lugo acolle a Feira do Libro de Galicia cunha trintena de actividades ao redor da lectura
13/05/2024
A cidade de Lugo acolle a Feira do Libro de Galicia cunha trintena de actividades ao redor da lectura
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asiste á inauguración desta cita cultural que se celebra na semana das Letras Galegas e que permitirá achegarse á obra da autora homenaxeada, Luísa Villalta
A praza Maior acollerá ata o 17 de maio concertos, presentacións, contacontos e teatro infantil
Lugo, 13 de maio 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta tarde na apertura das Feiras do Libro en Galicia en Lugo, cidade na que, desde hoxe e ata o 17 de maio, se celebrarán máis dunha trintena de actividades ao redor da lectura, coincidindo precisamente coa semana das Letras Galegas.
Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor o feito de que esta coincidencia servirá para ter máis preto as creacións e a figura de a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, Luísa Villalta, de quen salientou a calidade das súas obras, que van desde a poesía, ao ensaio e tamén á dramaturxia. Así mesmo, apuntou a pegada que a súa formación musical deixou nelas, ademais do seu forte compromiso social.
Anxo M. Lorenzo explicou que Lugo é a cuarta parada do circuíto das Feiras do Libro de Galicia, impulsadas pola Federación de Librarías de Galicia e a Xunta, e que este ano está integrado por 13 cidades e vilas, que se converten durante a súa celebración nun fervedoiro cultural con presentacións de novidades editoriais, citas cos autores e autoras e actividades dinamizadoras da lectura, a través de concertos, contacontos, recitais poéticos ou teatro.
No caso da cidade de Lugo, o director xeral de Cultura enxalzou que o epicentro de todas as accións sexa un espazo tan emblemático como a praza Maior, que acollerá máis dunha trintena de actividades, entre as que se atopan presentacións con autores e autoras recoñecidos e premiados como Ledicia Costas, Elena Gallego Abad, María Reimóndez, Xabier López, Amador Castro ou Lois Pérez, entre outros moitos.
Anxo M. Lorenzo remarcou a “prioridade especial” que a Xunta lles dá ao libro e á lectura co obxecto de fomentar unha sociedade que poida acudir a eles para obter respostas e espertar unha conciencia crítica a través dos diferentes formatos nos que actualmente se presenta á sociedade. De igual xeito, enxalzou o papel do libro como un dos “primeiros referentes” de cara a recoller e difundir a identidade e cultura da nosa Comunidade.
Finalmente, Anxo M. Lorenzo rematou a súa intervención cun recoñecemento especial ao feito de que o pregón desta feira recaese en Antía Yáñez, gañadora do XI Certame de Microrrelatos da Lonxa Literaria, do relatos curtos Os Viadutos, do de Poesía e Narración Breve de Cambre, Illa Nova de Narrativa e o Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade.
Feiras vencelladas co Día do Libro e Día das Letras
As Feiras do Libro de Galicia están vencelladas coa programación tanto do Día Internacional do Libro (23 de abril) como das Letras Galegas, con ambas datas como reclamo procúrase que esta cita cultural se transforme en festa da lectura, do libro e da palabra.
Lugo é a cuarta das 13 citas co libro e coa lectura que están a gozar os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias, despois de que as Feiras do Libro de Galicia deran comezo en Ferrol e continuasen en Santiago de Compostela e O Porriño.
Tras a celebración en Lugo, as Feiras do Libro de Galicia desprazaranse á provincia de Ourense, do 5 ao 8 de xuño; a Redondela, do 13 ao 16 de xuño; a Vigo, do 1 ao 7 de xullo; a Ponteareas, do 11 ao 14 de xullo; a Rianxo, do 14 ao 27 dese mesmo mes. En agosto, a Feira do Libro estará tamén na Coruña, do 1 ao 10; Viveiro, do 12 ao 15; en Foz, do 16 ao 19; e en Monforte de Lemos, do 21 ao 24.