Nova: A Xunta licita as obras de restauración do templo votivo de Panxón por máis de 360.000 euros

30/05/2024

A Xunta licita as obras de restauración do templo votivo de Panxón por máis de 360.000 euros

A actuación conta cun prazo de execución previsto de 6 meses e está dirixida a resolver as patoloxías causadas polo paso do tempo neste ben de Nigrán

Para levar a cabo esta intervención, os técnicos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude supervisaron a elaboración dun modelo 3D do edificio

Situado ao pé do Camiño de Santiago, esta é unha das obras máis características do arquitecto Antonio Palacios

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2024

A Xunta de Galicia vén de licitar as obras de restauración do Templo Votivo de Panxón, situado no concello pontevedrés de Nigrán, por máis de 360.000€. Trátase dunha actuación dirixida a resolver as patoloxías causadas polo paso do tempo que conta cun prazo de execución aproximado de seis meses.

Para levar a cabo estas intervencións, os servizos técnicos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude supervisaron a elaboración do proxecto realizado con metodoloxía BIM a partir do modelo 3D do edificio. Trátase dunha metodoloxía de traballo colaborativo na que se centralizan todos os datos e informacións dun proxecto para facilitar a súa xestión e acadar un mellor resultado e eficiencia.

Neste senso, tras detectar as deficiencias e patoloxías que afectan ao ben, especialmente ás vidreiras, rosetóns e forxados da torre, o Goberno galego pon en marcha o proceso para iniciar as obras de restauración que permitirán garantir o gran valor histórico e artístico deste monumento do arquitecto Antonio Palacios localizado ao pé do Camiño de Santiago.

Así, nos vindeiros meses, e unha vez completados os trámites administrativos, comezarán os traballos destinados a resolver os problemas derivados do envellecemento dos materiais e as filtracións de auga co fin de permitir o uso cultural do conxunto. Cómpre lembrar que para isto, a Xunta de Galicia levou a cabo nos últimos anos un intenso labor para diagnosticar os motivos e axentes que causan o deterioro do ben co fin de acadar a mellor proposta para a súa conservación.

Construído en 1930

Para a execución desta actuación, cofinanciada pola Unión Europea a través do programa FEDER Galicia 2021-2027, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten firmado un convenio de colaboración coa Diócese de Tui-Vigo para a posta a disposición dos terreos e infraestruturas necesarias que permitan a execución das obras de conservación e restauración de varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa esta igrexa.

O Templo Votivo Internacional do Mar, localizado no concello de Nigrán, foi realizado polo arquitecto Antonio Palacios e está protexido polo seu valor cultural ao estar incluído no Catálogo do Patrimonio Cultura de Galicia. Trátase dunha das obras máis destacadas da arquitectura sagrada galega recente, construído na década de 1930.

Comparte