Nova: López Campos resalta a “máxima protección” do Corpus Christi no seu primeiro ano como BIC

03/06/2024

López Campos resalta a “máxima protección” do Corpus Christi no seu primeiro ano como BIC

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asiste á ofrenda floral en homenaxe aos alfombristas falecidos

É a primeira edición que se celebra tras a declaración da festa como Ben de Interese Cultural, na categoría de patrimonio inmaterial

Ponteareas (Pontevedra), 3 de xuño de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe nun dos actos do Corpus Christi de Ponteareas, a ofrenda en homenaxe aos alfombristas falecidos, na que é a primeira edición que se celebra como festa declarada Ben de Interese Cultural, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia o pasado mes de maio.

O responsable de Cultura da Xunta, José López Campos, resaltou a “máxima protección desta festa polo seu valor artístico e cultural, que vai máis alá do ámbito relixioso e se vincula coa cultura popular”. Nesta liña, engadiu, “a declaración como BIC vén recoñecer, ademais dos rituais e cerimonias, todo un conxunto de técnicas artesanais e sabedoría popular sobre a natureza e o campo que temos a responsabilidade de conservar”.

Ademais, o conselleiro de Cultura tamén asistiu no auditorio Reveriano Soutullo ao acto de entrega das medallas do Corpus Christi, que contou coa actuación do cantautor Amancio Prada, e co que vai finalizando unha programación que comezou o sábado pasado con 29 alfombras florais na rúa.

Sobre a festividade

O Corpus Christi é unha festividade católica medieval baseada no culto á eucaristía, unha tradición que foi adoptando elementos populares folclóricos e do ciclo agrario, e que en Ponteareas adquire elementos diferenciables do carácter popular galego. As alfombras de flores son o seu punto máis representativo e recoñecible.

Nesta declaración como Ben de Interese Cultural, valórase o proceso de creación do conxunto ornamental, alfombras florais, cruceiros vexetais ou altares que conforman todo un conxunto de arquitecturas efémeras.

Comparte