Nova: Valentín García destaca o “grande apego pola linguaxe popular” do poeta Xosé Crecente Vega
03/06/2024
Valentín García destaca o “grande apego pola linguaxe popular” do poeta Xosé Crecente Vega
O secretario xeral da Lingua participa nos actos de recoñecemento a este autor coincidindo co 128 aniversario do seu nacemento
Castro de Rei (Lugo), 3 de xuño de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe nos actos de recoñecemento ao poeta chairego Xosé Crecente Vega con motivo do 128 aniversario do seu nacemento, onde destacou o seu importante traballo no “aumento do prestixio da linguaxe popular e pola paisaxe rural”.
No marco desta xornada realizada ao pé do carballo de Luxís, ao que o autor lle dedicou algunha das súas obras, o responsable de Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recordou a figura deste sacerdote, latinista e poeta como autor dunha obra “con fonda impronta humanista que ocupou sempre un lugar destacado na historia da literatura e lingua galega”.
Na homenaxe organizada polo concello de Castro de Rei co apoio da Xunta de Galicia tamén participaron o alcalde, Francisco Balado, e o poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, responsable da editorial Espiral Maior que en 2021 publicou o libro O mundo nun puño de remol (poesía póstuma), con poemas inéditos do autor.
Ademais, a música estivo moi presente, coa actuación da cantautora galega MJ Pérez que interpretou Paspallar, unha das tres pezas musicais elaboradas a partir da obra de Crecente Vega e cuxas versións musicadas pódense escoitar no Portal da Lingua Galega.
Sobre Xosé Crecente Vega
Xosé Crecente Vega (1896-1948) naceu na parroquia de Santa María de Outeiro, no concello de Castro de Rei, en pleno corazón da Terra Chá, o 3 de xuño de 1896. Fillo de labregos, estudou Latín no Seminario de Mondoñedo e anos despois Teoloxía. Xa sendo párroco cursou Filosofía e Letras nas Universidades de Santiago de Compostela e Salamanca.
Encádrase na Escola poética do Seminario de Mondoñedo da que forman parte, entre outros, Antón María de Castro e Neira, Xosé Trapero Pardo ou Aquilino Iglesia Alvariño.