Nova: José López Campos recibe a Asociación Galega de Produtoras Independentes para tratar os retos inmediatos do audiovisual galego

04/06/2024

José López Campos recibe a Asociación Galega de Produtoras Independentes para tratar os retos inmediatos do audiovisual galego

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude reúnese cunha representación de Agapi, o principal colectivo empresarial do sector en Galicia, que este ano celebra o seu 30º aniversario con máis de 35 compañías asociadas

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, avanza na súa rolda de reunións cos principais colectivos das industrias culturais galegas, no marco da que hoxe recibiu unha representación da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) para tratar diferentes asuntos relacionados co apoio da Xunta ao audiovisual e cos retos inmediatos do sector. 

Participaron na xuntanza Felipe Lage, presidente de Agapi; Nati Juncal, vogal, e Uxía Caride, xerente da asociación, que este ano celebra o seu 30º aniversario como principal colectivo empresarial do sector en Galicia, con máis de 35 compañías asociadas. Asistiu, así mesmo, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Na reunión abordáronse, entre outros temas, as diferentes liñas de colaboración que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén coa Asociación Galega de Produtoras Independentes, coa que vén cooperando na edición de publicacións ou na organización de iniciativas formativas e divulgativas, como o programa pedagóxico Educa Audiovisual para a difusión de producións galegas e en lingua galega entre o alumnado de Educación Secundaria.

Tamén foi obxecto do encontro a dinámica de apoio ao sector impulsada polo Goberno galego nos últimos anos tanto a través do programa anual de subvencións, como das convocatorias extraordinarias canalizadas mediante o Hub Audiovisual da Industria Cultural. Neste sentido, avanzóuselles a próxima publicación dunha nova convocatoria do fondo para a atracción de rodaxes, dotada con 2.000.000 de euros, coa que se lle dará continuidade a esta liña de axudas nacida inicialmente ao abeiro do Hub da Xunta.

Así, o programa autonómico de axudas ao sector de 2024 suporá un investimento de preto de 6,2 millóns de euros a través de nove convocatorias que dan cobertura a todo o proceso audiovisual, desde a escrita de guións, o impulso ao talento e os traballos de preprodución, ata a produción e rodaxe, pasando polo labor das salas de cinema e os festivais, e a promoción do noso cinema en foros de negocio e mostras internacionais.

Comparte