Nova: A Xunta aproveitará o potencial dos neofalantes para fomentar o uso do galego entre a mocidade

04/06/2024

A Xunta aproveitará o potencial dos neofalantes para fomentar o uso do galego entre a mocidade

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, anunciou no Parlamento a renovación da colaboración coa USC para avanzar no estudo do neofalantismo

O obxectivo deste acordo é analizar o proceso de incorporación o uso do galego por parte de persoas  que teñen outro idioma como primeira lingua

Dividido en tres fases, dará continuidade ao portal neofalantes.gal e creará novos recursos como unha canle de contacto entre distintos sectores

Santiago de Compostela, 4 de xuño 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, anunciou hoxe o reforzo das políticas lingüísticas da Xunta para tirar proveito das potencialidades que ten o neofalantismo e fomentar o uso da nosa lingua entre a mocidade. Fíxoo en resposta a unha pregunta no Parlamento de Galicia na que concretou que se fará a través dun convenio coa Universidade de Santiago dotado con 80.000€ que recolle unha serie de actuacións ao longo de tres anos.

Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o obxectivo desta colaboración é analizar o neofalantismo, un proceso no que as persoas que tiveron o castelán ou outro idioma como primeira lingua acaban incorporando o uso do galego. Trátase, tal e como engadiu, dun proceso “relativamente emerxente con innegables posibilidades de futuro na dinamización da nosa lingua”, sobre todo entre a mocidade tanto da nosa comunidade como entre as persoas que veñen doutros territorios de fóra de Galicia e que se incorporan á nosa realidade cultural e sociolingüista.

Uso das redes sociais para crear comunidades virtuais de neofalantes

O secretario xeral da Lingua precisou que a colaboración neste eido coa a Universidade de Santiago de Compostela comezou en 2021 a través do Grupo de Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación co recurso web www.neofalantes.gal, un portal de noticias que sirva de nexo de unión da comunidade neofalante en galego.

Valentín García apuntou que este espazo conta con varias seccións e que agora, con este novo convenio, daráselle continuidade incorporando novos usuarios e impulsando o uso da lingua galega entre a mocidade. Deste xeito, tal e como avanzou, potenciarase unha activa presenza en redes sociais ao tempo que se pon en marcha unha nova ferramenta interactiva que sirva de canle de contacto entre distintos sectores e distintos países, especialmente no mundo lusófono.

Incrementar o uso do galego nos espazos onde se move a mocidade

A colaboración tamén abrangue os obxectivo do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade que ten en marcha o Goberno galego e co que se pretende mostrarlle á xente nova a utilidade de coñecer o galego e potenciar así o seu uso neste colectivo.

Deste xeito, supón medidas dirixidas a incrementar a súa presenza nos espazos nos que se move a mocidade, así como a oferta de actividades e produtos en galego en áreas como a tecnoloxía, o lecer, a cultura, o ensino ou o emprego.

Cómpre lembrar que este plan está concibido como un instrumento para a dinamización da lingua galega, no que se procura implicar a comunidade universitaria, o que supón a posta en marcha de medidas dinamizadoras dirixidas ao profesorado, ao alumnado, ao persoal de administración e servizos e á mocidade en xeral, co fin de conseguir normalizar a presenza da lingua galega na universidade e noutros ámbitos da mocidade.

Comparte