Nova: Estudantes de galego en Londres participan en Galicia no programa Viaxe da Lingua 2024, co que colabora a Xunta

05/06/2024

Estudantes de galego en Londres participan en Galicia no programa Viaxe da Lingua 2024, co que colabora a Xunta

Ténselles preparado un amplo abano de actividades vencelladas coa cultura, arquitectura e natureza en diferentes cidades e vilas galegas

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2024

Unha vintena de rapaces e rapazas, dos case medio cento que estudan galego no Instituto Cañada Blanch de Londres, están a visitar Galicia a través do programa Viaxe da Lingua 2024, co que colabora a Xunta a través das secretarías xerais da Lingua e de Emigración. O obxecto desta iniciativa é promover o achegamento deste alumnado estranxeiro á realidade cultural e patrimonial da comunidade. 

Estes rapaces chegaron o pasado luns e están a visitar Santiago de Compostela, A Coruña e as Rías Altas, Pontevedra e as Rías Baixas dentro dun amplo programa de actividades no que estarán presentes a cultura, a arquitectura e a natureza.

En concreto, visitaron xa o conxunto histórico de Compostela, despois de ter feito un treito do Camiño de Santiago, e tamén visitarán o de Pontevedra. O programa de actividades inclúe achegarse aos museos pedagóxicos e universitarios e todos os museos científicos coruñeses; vilas mariñeiras, como Combarro ou Cambados; parques naturais, como a Illa de Arousa ou espazos protexidos, como o illote de Areoso. Ademais, manterán intercambios culturais con alumnado galego e practicarán actividades de natureza e deportivas.

A viaxe rematará o vindeiro venres nun acto despedida na Cidade da Cultura de Galicia.

Comparte