Nova: A Xunta incoa o expediente de declaración BIC da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia

07/06/2024

A Xunta incoa o expediente de declaración BIC da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica o inicio dos trámites deste proceso, o que supón a protección inmediata desta tradición con máis de 350 anos de antigüidade que reúne en Lugo a representantes das sete cidades do Antigo Reino de Galicia

O expediente ten en conta que é unha das poucas manifestacións inmateriais vivas que “evocan a entidade política histórica de Galicia”

Valórase que a cerimonia ten un valor cultural sobranceiro que se mantén de xeito ininterrrompido durante máis de tres séculos e medio “reflectindo o carácter de unión do pobo galego” o que supón un “feito único”

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) do patrimonio inmaterial a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia. Á hora de elaborar o expediente —que supón a súa protección patrimonial inmediata— os técnicos da Xunta de Galicia tiveron en conta que se trata dunha manifestación “sobranceira” da Comunidade e dunha das poucas tradicións vivas que “evocan a entidade política histórica de Galicia”.

A incoación valora tamén que se manteña de xeito ininterrompido durante máis de tres séculos e medio “reflectindo o carácter de unión do pobo galego” e que constitúe un “feito único” dentro das poucas manifestacións inmateriais vivas.

Anualmente, o domingo seguinte ao Corpus Christi ten lugar en Lugo un acto institucional e relixioso no que participan os mandatarios das antigas capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui. Trátase da ofrenda ao Santísimo e a súa posterior procesión pola cidade, coa que se compre co voto solemne feito no ano 1669 —ante as dificultades económicas da Catedral de Lugo— de dotala dunha renda anual coa que iluminar o Altar Maior.

Desde 1925 ata os nosos días o rito da Ofrenda celébrase do mesmo xeito, nunha misa solemne na que participan por quendas rotatorias anuais os representantes municipais das sete cidades. Ademais, entre as tradicións litúrxicas, unha banda de gaiteiros interpreta a Marcha Solemne do Antigo Reino de Galicia con gaitas en tres tonalidades e percusión.

Ofrenda que abarca historicamente a toda Galicia

Precisamente, na resolución recóllese como un “aspecto crucial“ que a Ofrenda abarca historicamente a toda Galicia, e non só a unha localidade concreta. Ademais, tamén salienta que se “adapta á perfección” a definición que dá a Unesco para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial ao reflectir un uso ou expresión que un grupo de individuos recoñece como parte integrante do seu patrimonio cultural, transmitíndoo de xeración en xeración, sendo celebrada constantemente por unha comunidade, supoñendo unha interacción coa súa historia e difundindo un sentimento de identidade e continuidade.

Cómpre lembrar que se trata dunha tradición ligada á Catedral de Lugo, un ben incluído singularmente na declaración dos Camiños de Santiago do Norte de España, Patrimonio da Humanidade desde o ano 2015 polos seus extraordinarios valores artísticos, históricos e culturais, que mantén o privilexio papal da exhibición permanente do Santísimo Sacramento.

Comparte