Nova: A Xunta colaborará co concello de Ferrol na celebración do 25 aniversario do pasamento de Torrente Ballester

11/06/2024

A Xunta colaborará co concello de Ferrol na celebración do 25 aniversario do pasamento de Torrente Ballester

O Goberno galego destina 35.000€ ao desenvolvemento de distintas actividades entre obradoiros, publicacións, conferencias e representacións

López Campos destaca “o compromiso da Administración autonómica con aquelas accións que axuden a promover a cultura galega e preservar a súa memoria”

Ferrol, 11 de xuño de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, asinaron esta mañá un convenio polo que a Xunta de Galicia colaborará na homenaxe ao escritor Gonzalo Torrente Ballester, coincidindo co 25 aniversario do seu pasamento.

O acordo enmárcase na liña de actuacións do Goberno galego encamiñadas á divulgación, información e promoción da cultura. Neste senso, López Campos lembrou o compromiso da Administración autonómica para “apoiar todas aquelas accións que axuden a promover a cultura galega e preservar a súa memoria”. Así, engadiu, “é todo un acerto organizar esta conmemoración na terra que viu nacer a Torrente Ballester, berce do imaxinario do que segue sendo todo un referente da literatura española”.

A homenaxe que se lle renderá ao que foi Premio da Crítica (1972 e 1977), Premio Nacional de Narrativa (1981), Premio Príncipe de Asturias (1982), Premio Cervantes (1985) e Premio Planeta (1988), abrangue actividades de diversa índole. Deste xeito, no marco do programa xa se celebrou unha conferencia a cargo do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e estreouse unha composición musical de Miguel Brotóns sobre o homenaxeado. Ademais, contémplase unha publicación da biografía do autor e as representacións no Teatro Jofre das obras Las hermanas Recalde e Una gloria nacional. Complétase coa publicación dun libro revista escolar, a posta en marcha dun ciclo de cine sobre novelas ou guións de Torrente Ballester e a realización de mesas redondas con críticos e novelistas na Casa de Galicia de Madrid.

O custo total das actividades é de 37.467€, dos cales a Xunta aporta 35.000€ co obxectivo de honrar e manter viva a memoria do profesor e literato, achegando a súa figura á sociedade en xeral.

Convenio coa Biblioteca Nacional de España

Ademais deste acordo, a Xunta de Galicia está a tramitar un convenio coa Biblioteca Nacional de España, no que tamén participa o Concello de Ferrol, para a organización en Madrid dunha exposición sobre a figura de Torrente Ballester. Está previsto que a mostra se inaugure no mes de outubro na sede da institución e que teña posteriormente unha itinerancia en Ferrol no 2025.

Comparte