Nova: Festiletras enche Ponteceso de poesía, música e humor
17/04/2015
Festiletras enche Ponteceso de poesía, música e humor
Amancio Prada, Uxía, Neira Vilas, Roi Casal, Yolanda Castaño, Uxía Blanco, Xurxo Souto, Cantareiras de Ardebullo e Manuel Rivas, entroutros, completan un ambicioso programa de propostas culturais que lle darán a benvida ao 17 de maio
Ponteceso (A Coruña), 17 de abril de 2015.- A Fundación Eduardo Pondal celebra un ano máis Festiletras, festival co que colabora a Secretaría Xeral de Política Linguística. Así o anunciou esta mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa na que se deu a coñecer o programa completo deste evento, que chega á súa trixésimo terceira edición “cun ambicioso cartel que emprazará en Ponteceso, do 10 ao 17 de maio, todos os públicos para achegarlles unha boa mostra dos proxectos musicais, escénicos e literarios da cultura galega máis actual”.
No acto de presentación participou tamén o presidente do padroado da Fundación Eduardo Pondal e alcalde de Ponteceso, José Luis Fondo Aguiar.
Festiletras 2015
O programa das Festiletras 2015 arrancará o domingo 10 de maio cunha ofrenda floral e pregón a cargo de Víctor Freixanes, nun acto que contará tamén coa participación de Uxía Blanco e coa interpretación musical de Roi Casal, amais da do Coro infantil do CPI Eduardo Pondal e Silvia Losada. Ese mesmo día, pola tarde, Os Quinquilláns representarán na sede da Fundación Eduardo Pondal a súa xa famosa adaptación do “Espantallo amigo” de Neira Vilas, en dous pases que contarán coa participación do escritor e académico da lingua crucense e mais cun obradoiro a cargo de Xosé Vizoso, ilustrador do libro. A xornada pecharana a formación Pandeiromus e unha degustación gastronómica na Taberna Agra de Mares.
O luns 11 de maio abrirá a xornada a primeira das cinco sesións do Roteiro pondaliano que Xabier Couto desenvolverá ata o venres 15 polas mañás, á que seguirá a representación “O carballo con botas”, que acollerá a biblioteca municipal. A partir das 17:00 horas, de novo a sede da Fundación acollerá “O Bichero” de Luís Davila e, a continuación, as regueifas de Pinto de Herbón e do Caruncho.
O martes 12 a biblioteca municipal acollerá, en sesión de mañá, “Pan de millo”, de Migallas Teatro e, xa de tarde, “Historias de vida, guerra, amor e case morte”, a cargo de Daboapipa. Pulpiño Viascón será o encargado de pechar esta terceira xornada.
O mércores 13 a sesión da biblioteca correrá a cargo de Manuel Rivas e César Frieiría, con “O raposo e a mestra” e a sede da Fundación acollerá a máster class “Café de pota”, de Óscar de Toro. Pecharán a cuarta xornada Víctor do Pecho e Suso do Becho; mentres que o xoves 14 Yolanda Castaño ofrecerá un obradoiro de poesía e os gaiteiros do Centro Coreográfico interpretarán “Non des a esquecemento”, todo na biblioteca municipal. O serán do xoves terá como protagonistas a Xurxo Souto e Pazos de Merexo.
O venres as Festiletras encetan a fin de semana coa peza “As aventuras de Mariña e Lucas”, de Iago e Sabela Fernández, e mais cunha cata comentada dos queixos de Galicia con D.O.P., seguidas dunha degustación gastronómica na Taberna Agra de Mares amenizada por Farrapos do Fol e mais a coral Oliveira de Monte Branco. Pechará a xornada co “Frankenstein” de Badius na Casa dos Veciños do Couto.
A xornada do sábado comezará co Encontro de Aldeas Singulares da Costa da Morte, que celebra nestas Festiletras a súa segunda edición achegando grandes experiencias de lugares pequenos. Xa pola tarde, no Pazo de Sergude, os asistentes poderán escoitar o coñecido presentador gastronómico Benigno Campos, unha actividade que abrirá boca para as da noite: o “Obradoiro de treboada” de Oli Xiráldez, na Casa dos Veciños, e o concerto “Noite de Letras”, cos músicos Amancio Prada e Guadi Galego, na carpa da Fundación Eduardo Pondal.
O día de peche do Festiletras e tamén Día das Letras Galegas, o domingo 17, será o que ofreza un número maior de actividades: un roteiro ornitolóxico guiado por Xosé Luís Rabuñal e Ana García; unha feira de artesanía; a entrega do II Premio de Poesía Infantil Eduardo Pondal (que contará coa presenza de Siro López Lorenzo); o concerto “A cantar con María Fumaça”, de Uxía; unha sesión vermú da man de Ce Pantasma, Carapaus e Cantareiras de Ardebullo e, xa pola tarde, un obradoiro de artesanía de María José Martínez; a danza tradicional de Inllar; a música de taberna da Oliveira e o concerto de Saramúas, que pechará este amplísimo programa. Durante toda a xornada haberá saídas do tren literario “Volvendo de lonxes terras”.