Nova: López Campos enxalza os Premios Antonio Palacios que se celebran por primeira vez no Porriño
15/06/2024
López Campos enxalza os Premios Antonio Palacios que se celebran por primeira vez no Porriño
O conselleiro destaca a importancia deste tipo de iniciativas que ademais de recoñecer a figura “dun veciño ilustre” tamén “recoñecen a dedicación e traballo doutras persoas”
O Porriño (Pontevedra), 15 de xuño de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, na primeira edición dos Premios Antonio Palacios, dedicados ao arquitecto no ano no que se celebra o 150 aniversario do seu nacemento. O galardón impulsado polo Concello do Porriño quere recoñecer as contribucións destacadas nos eidos da cultura, a empresa, o deporte e o compromiso social.
O titular de Cultura da Xunta enxalzou esta iniciativa que, dixo, “pon en valor a figura e obra dun veciño ilustre do Porriño á vez que recoñece a excelencia e dedicación doutras persoas e entidades que co seu traballo seguen a enriquecer a sociedade, continuando coa estela deixada por outros”. López Campos tamén felicitou a toda a veciñanza no día no que se cumpren cen anos da inauguración da Casa Consistorial, obra precisamente de Antonio Palacios.
Distincións
As distincións deste primeiro ano de celebración dos Premios Antonio Palacios recaeron no Almanaque Agrícola ZZ na categoría de cultura; no Grupo Zendal, no eido da empresa; no Club Balonmano Porriño como destacado no deporte; e na Rondalla Santa Eulalia de Atios e Rondalla da Asociación Cultural de Pontellas, no que ten que ver co compromiso social.
Ademais, o premio de honra foi para Xosé Ramón Iglesias Veiga por toda unha vida adicada á contribución da mellora da súa contorna.