Nova: Xornadas de portas abertas e actividades de balde para celebrar o Día dos Museos

21/04/2015

Xornadas de portas abertas e actividades de balde para celebrar o Día dos Museos

Un planetario, un ‘robot peregrino’, un espazo de realidade virtual ou un obradoiro de experiencia sensorial para bebés serán algunhas das actividades que ofrecerá o Museo Centro Gaiás

Do 16 ao 18 de maio a entrada á exposición ‘Camiño. A orixe’ será de balde, con visitas guiadas. Con motivo das Letras Galegas, haberá tamén acertixos e probas, para descubrir en familia á figura de Filgueira Valverde

O grupo de música antiga Resonet ofrecerá un concerto o sábado 16 con temas do seu álbum ‘Canto de Utreia. Cantos dos peregrinos a Santiago”

  • Cartel do Día dos Museos Cartel do Día dos Museos

Santiago, 21 de abril de 2015.- Do sábado 16 ao luns 18 de maio a Consellería de Cultura celebra o Día Internacional dos Museos con xornadas de portas abertas e un día enteiro de actividades únicas, divertidas e de balde para toda a familia, baixo o patrocinio de Vodafone, colaborador da exposición ‘Camiño. A orixe’.

Baixo o lema ‘Museos para unha sociedade sostible’, a Cidade da Cultura únese á celebración do ‘Día Internacional dos Museos’, que desde 1977 se organiza en todo o mundo para poñer en valor o papel destas institucións na sociedade.

Será no Museo Centro Gaiás, que os días 16, 17 e 18 celebrará xornadas de portas abertas, con visitas de balde á exposición ‘Camiño. A orixe’. Ademais, o sábado 16, o Museo acollerá de forma ininterrompida obradoiros artísticos e creativos, concertos, charlas e experimentos científicos para aprender xogando e descubrir que a visita a un museo tamén pode ser divertida.

16 de maio: actividades en familia
De 11 a 14:30 horas e de 16:30 a 20 horas, a Cidade da Cultura convida a pequenos e maiores a facer seu o Museo Centro Gaiás. Así, terán a oportunidade de descubrir o Camiño de Santiago a través da Vía Láctea nun sorprendente ‘Planetario’, marcarlle o camiño ao ‘Robot Peregrino’, vivir a experiencia de facer o Camiño grazas á realidade virtual ou realizar divertidos experimentos científicos no ‘Laboratorio Gaiás’.

Como sempre, os bebés tamén terán o seu espazo coa actividade ‘Camiñando’, unha experiencia sensorial na que descubrir a experiencia xacobea a través do tacto, a vista, o son e as texturas. A área de xogos complétanse con dous divertidos obradoiros no que construír unha ‘Pita choca’ ou fabricar e participar nunha carreira de tartarugas con ‘Pouquiño a pouquiño faise o camiño’, unha ludoteca e un fotomatón co que levar un recordo deste día para casa.

A xornada do 16 de maio complétase cunha conferencia ás 12:00 horas de DisCamino, proxecto co que colabora a Cidade da Cultura a través da exposición ‘Camiño. A orixe’ e que consiste en facer realidade o soño de persoas con diferentes discapacidades de peregrinaren a Santiago. Xunto a esta conferencia, o Museo Centro Gaiás acollerá unha visita adaptada a persoas con calquera tipo de discapacidade, facendo que todas as persoas poidan gozar do Día dos Museos por igual.

O broche de ouro será ás 19:00 horas cunha conferencia/concerto a cargo do grupo de música antiga Resonet, que na Aula Seminario do Museo ofrecerá varios temas do seu traballo ‘Canto de Ultreia. Os cantos dos peregrinos de Santiago’, músicas contidas no Libro de Santiago e recuperadas por este grupo. A entrada será de balde, ata completar aforo.

Visitas do 17 e 18 de maio
Ademais da fin de semana, o Museo Centro Gaiás abrirá excepcionalmente as súas portas o luns, 18 de maio, día no que se celebra en todo o mundo o Día Internacional dos Museos, no seu horario habitual: de 11 a 20 horas.

Tanto o sábado 16, como o domingo 17 e o luns 18, ademais da xornada de portas abertas, o Museo Centro Gaiás contará con visitas guiadas á exposición ‘Camiño. A orixe’. Serán dúas quendas, 12:30 e 18:30 horas, e nelas o visitante poderá remontarse ao 820 d. C. e descubrir o minuto un da ruta xacobea a través de 150 obras de arte e pezas de alto valor patrimonial e cultural como o Santiago Apóstolo de Durero ou Murillo.

Celebración das Letras Galegas
A celebración do Día dos Museos coincide co Día das Letras Galegas, que o domingo 17 de maio recoñecerá a figura do intelectual galeguista Filgueira Valverde. Con este motivo, o Museo Centro Gaiás acollerá o sábado 16 e o domingo 17 unha edición especial das Visitas familiares, nas que pais e fillos poderán achegarse a este personaxe.

As visitas familiares terán dúas quendas por día: 11:30 e 17:00 horas e son de balde. Nelas, ademais de percorrer a exposición ‘Camiño. A orixe’, nenos e adultos deberán superar os retos que impón a ruta e conseguir as tres insignias que os acreditan como auténticos peregrinos. Un percorrido cheo de xogos, acertixos e probas no que estará moi presente a figura de Filgueira Valverde a través das pezas cedidas polo Museo de Pontevedra, do que foi director e impulsor, así como de lecturas de fragmentos da súa obra relacionados coa peregrinación xacobea.

Comparte