Nova: López Campos reitera o valor cultural e patrimonial da Rapa das Bestas que está en proceso para ser BIC

19/06/2024

López Campos reitera o valor cultural e patrimonial da Rapa das Bestas que está en proceso para ser BIC

Recorda que a celebración xa é considerada de Interese Turístico Nacional e Internacional e que se trata dunha “tradición sobranceira que forma parte da memoria colectiva de Galicia”

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reiterou esta mañá durante a presentación da Rapa das Bestas de Sabucedo 2024 que se trata dunha festa  que “reúne todos os condicionantes para formar parte do patrimonio inmaterial de Galicia”. Neste senso, subliñou que a celebración, que terá lugar do 5 ao 8 de xullo no concello pontevedrés da Estrada, “é unha tradición sobranceira que forma parte da memoria colectiva dos galegos e galegas”.

Tal e como lembrou López Campos, o Goberno galego anunciou hai uns días o inicio do procedemento para que a festa sexa declarada Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial, destacando que xa é considerada de Interese Turístico Nacional e Internacional. A decisión de incoar o expediente para comezar cos trámites vén motivada, explicou, “por tratarse dunha manifestación que está a ser preservada de xeito tradicional por unha comunidade que traballa durante todo o ano realizando as accións necesarias para o coidado dos cabalos e que vai máis alá de baixalos ao curro e ceibalos de novo no monte”. Motivo este, engadiu, polo que hai que “agradecer a implicación da Asociación Rapa das Bestas”.

O titular de Cultura da Xunta estivo acompañado no acto de presentación desta edición 2024, celebrado no Museo das Peregrinacións de Santiago, polo alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e polo presidente da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, Paulo Vicente Monteagudo.

Tradición e atractivo turístico

A Rapa das Bestas de Sabucedo é unha tradición que, segundo a lenda oral, se remonta á segunda metade do século XVI, achegándose así aos 500 anos de vida e manténdose a día de hoxe conxugando o seu espírito e os seus valores orixinais coa evolución en canto a coidado dos animais e do medio ambiente. Ademais, supón un gran atractivo turístico con repercusión internacional pola singularidade da celebración, sendo a parte do curro, onde confrontan técnica e forza os aloitadores e os cabalos, a que esperta máis interese pola súa espectacularidade.

Comparte