Nova: O Salón Teatro acollerá a estrea absoluta de ‘Dique’, a nova coprodución da Xunta e Nova Galega de Danza

19/06/2024

O Salón Teatro acollerá a estrea absoluta de ‘Dique’, a nova coprodución da Xunta e Nova Galega de Danza

A última proposta da compañía recupera a historia esquecida das máis de 200 mulleres que traballaron na construción do Dique da Campá de Ferrol entre 1874 e 1879, a través dun diálogo entre danza a contemporánea e a tradicional

Marta Pazos asina a dirección escénica e a dramaturxia da peza, que conta con Belén Martí Lluch na dirección coreográfica, oito bailarinas sobre o escenario e un equipo técnico e artístico integramente feminino

A estrea absoluta será o venres 21 de xuño en Santiago de Compostela, con outras dúas funcións o sábado 22 e o domingo 23

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, presentou esta mañá o espectáculo Dique, a nova coprodución da Xunta de Galicia con Nova Galega de Danza cuxa estrea absoluta será este venres, 21 de xuño, ás 20,30 horas, no Salón Teatro. A peza, con dirección escénica de Marta Pazos, pon en valor o traballo das mulleres que participaron na construción do Dique da Campá de Ferrol hai 150 anos, está coproducida polo Centro Coreográfico Galego. Coas entradas esgotadas para esta primeira función, haberá dous pases máis o sábado 22 ás 20,30 h. e o domingo 23 ás 18,00 h., con localidades á venda na plataforma Ataquilla e no despacho de billetes.

No acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a eficiencia do modelo de coproducións para “contribuír ao fomento da creación de danza na nosa Comunidade”. Neste sentido, especificou que nos últimos cinco anos a Xunta posibilitou a montaxe de 16 pezas de danza mediante esta fórmula público-privada, que conxuga a achega económica coa colaboración entre os de equipos humanos e a posta a disposición de materiais.

Colaboración entre equipos

Así, no caso de Dique, as instalacións do Centro Coreográfico Galego, na Coruña, acolleron un total de 26 xornadas de audicións, residencias previas e ensaios do espectáculo; e estes días, na sede do Centro Dramático Galego, están a ter lugar os últimos axustes técnicos e artísticos de cara á estrea, na que se implica boa parte do persoal do Salón Teatro.

Dique pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente. A peza nace do desexo do director artístico de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, de recuperar a historia esquecida das máis de 200 mulleres que, durante a construción do Dique da Campá de Ferrol entre 1874 e 1879, retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas.

Nova Galega de Danza formou un equipo artístico e técnico integramente feminino, con Marta Pazos á fronte da dirección escénica e da dramaturxia, con coreografía de Belén Martí Lluch e composición musical de Clara Aguilar. Sobre o escenario estará un elenco de oito bailarinas: Nuria Alaña, Carmen Cebrián, Alba Cotelo, Estefanía Gómez, Alicia López, Laura Santamariña, María de Vicente e Inés vieites.

Plan Integral para a Danza de Galicia

Nova Galega de Danza, coa proposta Dique, foi a adxudicataria da convocatoria dun contrato de coprodución para creacións de gran formato do Centro Coreográfico Galego, asinado a través da Axencia Galega das Industrias Culturais en seguimento dos obxectivos marcados no Plan integral para a Danza da Xunta de Galicia.

Este novo título únese á nómina de espectáculos que o Goberno galego coproduce a través do Centro Coreográfico Galego. Actualmente, está en fase de valoración a convocatoria pública de 2024, que, ademais de Dique, porá en marcha outros tres novos espectáculos de danza e artes do movemento. As pezas que resulten seleccionadas, dúas de compañías consolidadas e unha de profesionais emerxentes, deberán estrearse antes do 31 de marzo de 2025.

O obxectivo deste programa de coproducións, promovido xa por oitavo ano consecutivo, é favorecer a produción de danza en todas as súas modalidades, impulsar a creación de espectadores para esta disciplina escénica e consolidar produtos culturais competitivos que xeren retorno. Entronca, neste sentido, cos obxectivos recollidos no Plan Integral para a Danza de Galicia, elaborado pola Xunta a partir dun proceso participativo co sector.

Comparte