Nova: Xunta e RAG incorporan 8.000 topónimos de Dumbría á plataforma Galicia Nomeada

19/06/2024

Xunta e RAG incorporan 8.000 topónimos de Dumbría á plataforma Galicia Nomeada

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, agradece a doazón realizada por  Modesto García Quintáns e destaca a importancia do seu traballo para “fortalecer a identidade e o sentido de pertenza de toda Galicia”

Dumbría (A Coruña), 19 de xuño de 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe co presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, no acto celebrado no Centro Social de Dumbría para recoñecer o traballo do autor Modesto García Quintáns, tras realizar unha doazón de 8.000 microtopónimos que se incorporan á plataforma Galicia Nomeada. 

Durante o evento, Valentín García destacou o papel fundamental que representa a aportación de Modesto García Quintáns “na preservación da cultura e patrimonio de Galicia”. Neste senso, expresou “o gran valor que supón a inclusión dos novos microtopónimos na lingua galega para fortalecer a identidade local e o sentido de pertenza” en toda Galicia e, nomeadamente, no concello de Dumbría. 

O maior banco galego de topónimos

Galicia Nomeada é unha plataforma colaborativa con función de recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral asociada a ela. Esta ferramenta permite que particulares e entidades compartan os topónimos da súa parroquia, aldea ou concello a través de dispositivos electrónicos con conexión a internet. Desde a súa posta en marcha, esta iniciativa permitiu recoller medio millón de microtopónimos nun 35% do territorio galego nos últimos anos de actividade.

Comparte