Nova: A Xunta destina 800.000 euros aos novos espectáculos de 29 compañías galegas de artes escénicas
23/06/2024
A Xunta destina 800.000 euros aos novos espectáculos de 29 compañías galegas de artes escénicas
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica a concesión das axudas á creación escénica, a través das que subvenciona sete propostas de novas formacións, cinco pezas de danza e 15 espectáculos de teatro, circo e maxia
Elefante Elegante e Chévere son as beneficiarias na modalidade de actividade escénica plurianual, recibindo 100.000 e preto de 97.000 euros respectivamente para desenvolver a súa planificación artística e empresarial ata 2026
Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2024
A Xunta de Galicia acaba de publicar a resolución de concesión da súa convocatoria anual de subvencións á creación escénica, a través da que contribúe con 800.000 euros á produción dos novos espectáculos de 29 compañías galegas. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude distribúe estes fondos entre 15 propostas de teatro, maxia e novo circo, sete de empresas de recente traxectoria e cinco pezas de danza e artes do movemento, ademais de entre as dúas formacións beneficiarias na modalidade de proxectos plurianuais.
Nesta última categoría, Elefante Elegante e Chévere reciben 100.000 euros e preto de 97.000 euros, respectivamente, para o desenvolvemento do seu plan artístico e empresarial ata 2026, que en ambos os casos inclúen dúas producións principais. Búscase, así, facilitar o funcionamento dos equipos e proxectos de empresas teatrais xa consolidadas, subvencionando a súa planificación a tres anos vista con, cando menos, unha produción e unha xira de 70 funcións tanto en Galicia como no mercado exterior.
De Excéntricas a Pistacatro
No referente á modalidade para espectáculos de teatro, circo e maxia, a Xunta cofinancia as novas propostas escénicas de 15 compañías. É o caso de As desterradas, de Producións Teatrais Excéntricas con dirección de Quico Cadaval, que propón un debate sobre a memoria histórica; Non pasarán, de Ártika Cía. baixo a dirección de Tito Asorey; Farsas, a nova peza de Contraproducións, dirixida por Cándido Pazó a partir dunha reflexión sobre a lingua como nexo de unión; Reconversión, de Ibuprofeno Teatro con texto e dirección de Santiago Cortegoso; a comedia O último home, de Ainé Producións, e As gardiás, de Ningures, sobre a loita das traballadoras da industria téxtil.
Nesta listaxe de espectáculos, tamén se atopan outras pezas con temática de marcado carácter social, como Vida, de Culturactiva, sobre a situación do pobo palestino; A cincenta que non quería comer perdices, de Sarabela Teatro, dirixida ao público máis novo para abordar a violencia de xénero e o amor romántico; Guerra, de Teatro do Noroeste, sobre as consecuencias da guerra en Ucraína, e Ubasute, de Berrobambán, que poñerá en escena un dos máis recentes textos da dramaturga Paula Carballeira, no que reflexiona sobre o abandono das persoas maiores. Ademais, reciben cadansúa axuda dúas obras de teatro que toman o medio ambiente como eixo central da historia: Sol Fuerza, de aAntena, e Os contos de Lobicán, de Redrum Teatro.
Tamén obteñen financiamento os espectáculos de circo Catch, de Pistacatro, co que a compañía continuará reflexionando sobre o malabarismo; e Circo de Pinocho, de Educateatro, que busca devolverlle a esta disciplina o lugar que ocupou noutro tempo. Finalmente, apóiase a montaxe de monicreques de Títeres Cachirulo Nana Bunilda, que reflexionará sobre os coidados que recaen nas mulleres.
Danza e espectáculos de novas formacións
En canto á categoría de danza e artes do movemento, son cinco as montaxes subvencionadas. Trátase de Baleiro, de Teatro Ensalle; Beltenebros, de Javier Martín; Dance Join, de Marta Alonso Tejada; Ruar, de VACAburra, e Aurora Boreal, de Paula Quintas.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribúe tamén ao financiamento dos proxectos escénicos de sete compañías de recente fundación, tanto de teatro como de danza. Daniel Rodríguez con Livres, Lagriot’te con O rexurdimeno do divino sainete, Julia Laport con Para que non me deixes aquí soa, Morraoconto con Tromso, Amorodio Teatro con Cortello de amor, Eva Comesaña con Perder a lingua e NegroLópez coa peza #Influencers.