Nova: O rap feminista en galego de Flow do Toxo e a psicodelia pop de Naked Family soben esta semana ao escenario de ‘Atardecer no Gaiás’
10/07/2024
O rap feminista en galego de Flow do Toxo e a psicodelia pop de Naked Family soben esta semana ao escenario de ‘Atardecer no Gaiás’
As rapeiras do Condado actuarán mañá na Cidade da Cultura ás 21,00 horas e o venres será a quenda para os ritmos hipnóticos da banda madrileña
‘Atardecer no Gaiás’ continúa ao longo do verán con outra ducia de citas musicais de balde ao aire libre para todos os públicos
O ciclo forma parte da campaña ‘CulturON’, que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten en marcha ata setembro con máis de 30 actividades diarias
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2024
A Cidade da Cultura volve ser escenario para a mellor música en directo esta semana coas actuacións de Flow do Toxo e Naked Family en Atardecer no Gaiás. As rapeiras da bisbarra do Condado soben mañá xoves ao escenario para montar unha festa reivindicativa que defende o rural e a diversidade. O venres será a banda Naked Family quen invoque o baile cunha proposta que conecta a psicodelia dos 70 co futuro da música pop. O ciclo, impulsado pola Xunta de Galicia, forma parte da campaña CulturON da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que programa máis de 30 actividades diarias para todos os públicos en toda a xeografía galega.
Todos os concertos de Atardecer no Gaiás son ás 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura, con entrada libre e de balde, durante todos os xoves e venres de xullo e agosto (agás o 25 e 26 de xullo). No caso de que as condicións meteorolóxicas non permitan actuar ao aire libre, a organización ten prevista unha alternativa ao enxoito para poder gozar da música en vivo.
O ciclo, que volve contar co apoio de Cervezas Alhambra, inclúe nesta edición un total 16 citas musicais nos que teñen cabida artistas de estilos e traxectorias diversas, desde o neo-tradi ao pop, a música urbana e os ritmos tropicais, e tamén a psicodelia e a electrónica. Ademais, o programa destaca na súa aposta polo talento galego, con sete grupos —De Ninghures, Flow do toxo, A Pedreira, Amoebo, Alana, ALARIDO e Santi Araújo— que dan mostra da variedade e bo momento da produción musical do país.