Nova: Cultura impulsa a educación musical na mocidade cun festival de bandas con máis de 550 participantes

13/07/2024

Cultura impulsa a educación musical na mocidade cun festival de bandas con máis de 550 participantes

Con esta actividade, a Xunta de Galicia promove a creación de sinerxías entre mozos e mozas das agrupacións de toda a xeografía galega

O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, subliña na benvida a esta cita “a necesidade de poñer en valor o talento da xuventude”

O festival, no que participan 12 bandas e máis a Sinfónica Xuvenil de Galicia, está organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares co apoio da Xunta de Galicia no marco da campaña ‘CulturON’

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2024

A Cidade da Cultura de Galicia acolle durante toda a xornada de hoxe o VII Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que 12 formacións interpretarán temas escollidos para a ocasión, que abarcan desde sons clásicos ata música tradicional galega e versións de cancións contemporáneas. No acto tamén participa a Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia, formada por medio cento de intérpretes, todos menores de 20 anos, pertencentes a diferentes bandas e conservatorios da comunidade.

O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, deu a benvida aos rapaces e rapazas participantes no encontro remarcando o apoio do Goberno galego a estas formacións e salientando “o gran valor das bandas xuvenís para o fomento da educación musical e a necesidade de poñer en valor o talento da mocidade”. Anxo Lorenzo estivo acompañado pola directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e de Jorge González, directivo da Federación Galega de Bandas de Música Populares.

O Festival, que se desenvolve no Gaiás ao longo de todo o sábado con entrada libre e de balde forma parte da campaña CulturON coa que a Xunta de Galicia enche de actividades culturais toda a xeografía galega durante este verán. A cita arrincou cunha interpretación do Himno Galego no Xardín do Teatro e continúa cunha xornada na que mocidade de distintos lugares cun interese común pode coñecerse, crear sinerxías e enriquecerse mutuamente.

Doce bandas de toda Galicia

As formacións que participan este ano no Festival son: Banda da Escola da Agrupación Musical do Rosal, Unión Musical de Tenorio, Banda Xuvenil da Escola de Música de Salvaterra, Banda Xuvenil de Vilatuxe, Xove Banda de Valga, Banda Xuvenil de Agolada, Banda Xuvenil de Santa Cruz de Ribadulla, Chiquiband da Agrupación Musical da Limia, Banda Xuvenil de Celanova, Banda da Escola de Música de Xinzo e a Minibanda de Vilalba.

Comparte