Nova: A Xunta organiza a primeira delegación de compañías galegas de danza en participar na Tanzmesse de Düsseldorf
15/07/2024
A Xunta organiza a primeira delegación de compañías galegas de danza en participar na Tanzmesse de Düsseldorf
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reunise hoxe con representantes das cinco compañías coprodutoras e distribuidoras de danza galegas que viaxarán do 28 ao 31 de agosto á Internationale Tanzmesse de Düsseldorf (Alemaña), o maior encontro profesional do mundo en danza contemporánea, no que se dan cita cada ano empresas, artistas, programadores internacionais e responsables de festivais interesados na creación coreográfica europea.
Amarelo Distribución, Kirenia Danza, La Guajira, Nova Galega de Danza e Paula Quintas Cía., ademais do Centro Coreográfico Galego, compoñen a delegación galega que participará neste evento de xeito coordinado por vez primeira pola Consellería de Cultura e como resposta ao bo momento que está a vivir a creación e a interpretación desta disciplina na nosa Comunidade. A acción entronca cos obxectivos do Plan Integral para a Danza de Galicia, no que respecta a potenciar a proxección exterior e a internacionalización da danza e as artes do movemento mediante a participación en citas consideradas estratéxicas, como é o caso da Tanzmesse.