Nova: O Gaiás aposta por un ocio compartido entre cativada e maiores co concerto ‘Viva o pop!’ do seu ‘Verán en Familia’
15/07/2024
O Gaiás aposta por un ocio compartido entre cativada e maiores co concerto ‘Viva o pop!’ do seu ‘Verán en Familia’
A compañía Rock en Familia trae o espectáculo ‘Viva o pop!’ para rememorar os grandes éxitos dos 80 e 90 cos máis pequenos da casa
Máis de 1200 persoas asistiron ás actividades do ciclo ‘Verán en Familia’ do Gaiás, enmarcado dentro da campaña ‘CulturON’ da Xunta de Galicia
O programa péchase o mércores 31 de xullo co espectáculo ‘De Vilatriste a Vilalegre’ enmarcado na celebración do 40 aniversario do Centro Dramático Galego
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024
O ciclo de espectáculos do Verán en Familia da Cidade da Cultura chega ao seu ecuador este mércores con Viva o Pop!, un concerto especial no que cativada e maiores bailarán ao ritmo dos grandes éxitos dos 80 e 90. Máis de 1.200 persoas asistiron xa ás actuacións musicais e de circo programadas neste ciclo, impulsado pola Xunta de Galicia dentro da campaña de actividades de estío para todos os públicos, CulturON.
Viva o Pop! é un concerto a través do que rememorar a música que marcou a adolescencia de pais e nais cos máis pequenos da casa. Unha proposta de ocio da compañía Rock en Familia na que persoas de todas as idades poden vivir a experiencia da música en directo, ao tempo que descobren a historia das cancións dalgúns dos artistas e grupos máis relevantes da música pop contemporánea. A actuación será na Praza central da Cidade da Cultura ás 19,00 horas con entrada libre e de balde.
O Verán en Familia do Gaiás péchase o mércores 31 de xullo con De Vilatriste a Vilalegre, unha proposta de teatro de monicreques da Utópica Rodante. Esta representación confronta a fantasía coa realidade social do rural galego a partir da historia dunha vila na que se instalan uns novos habitantes que son recibidos con estrañeza pola veciñanza. A Cidade da Cultura será unha das máis de 100 sedes que acollerán este espectáculo con motivo da celebración do 40 aniversario do Centro Dramático Galego.
Un verán de cultura para todos os públicos
Os espectáculos do Verán en Familia da Cidade da Cultura forman parte da campaña CulturON da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que programa máis de 30 actividades diarias para todos os públicos en toda a xeografía galega.
Con estas propostas de verán, a Cidade da Cultura continúa afondando na súa liña de programación familiar co fin de xerar espazos nos que agrome un ocio a través do que persoas de todas as idades poidan divertirse e aprender en conxunto.