Nova: ‘Atardecer no Gaiás’ convoca ao público a bailar esta semana cos grupos A Pedreira e Mandale Mecha
17/07/2024
‘Atardecer no Gaiás’ convoca ao público a bailar esta semana cos grupos A Pedreira e Mandale Mecha
Ugia Pedreira, unha das voces máis célebres de Galicia, presentará na Cidade da Cultura o seu último disco en solitario, ‘Basal’, o xoves 18 de xullo
Por outra parte, o trío arxentino-brasileiro actuará o venres 19 cunha proposta que bebe da electrónica, o jazz, o pop latino e incluso o rock
O ciclo segue no mes de agosto con dez concertos gratuítos para gozar da música ao aire libre
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2024
Os concertos gratuítos de Atardecer no Gaiás traen esta semana dúas citas para bailar ata a noitiña que conectan Galicia con Brasil e Arxentina. A célebre cantante e compositora galega Ugia Pedreira —A Pedreira— presentará o xoves 18 de xullo na Praza central da Cidade da Cultura o seu último disco, Basal, acompañada en directo dunha banda internacional que promete unha viaxe sonora entre a rave, a foliada e o club de jazz. A artista fai neste álbum un percorrido emocional e musical polas diferentes “Pedreiras” que deron forma ao seu universo creativo nos últimos 40 anos.
Por outra parte, protagonistas do venres 19 serán Mandale Mecha, trío arxentino-brasileiro que recala no Gaiás durante a súa xira europea cunha mestura de ritmos tropicais, rap e electrónica. A banda resultou gañadora da convocatoria Ibermúsicas 2023 organizada pola Secretaría General Iberoamericana e puxo ritmo tropical á banda sonora das series españolas de Netflix, Valeria e Las últimas de la fila co seu popular tema Papi. Ambos concertos comezarán ás 21,00 horas con entrada libre e de balde.
Atardeceres de agosto
O ciclo Atardecer no Gaiás da Xunta de Galicia continúa no mes de agosto con outras dez citas musicais nas que o público poderá gozar de xéneros tan diversos como a electrónica, o folk progresivo, a cumbia urbana, o indie, ou o electropop. A programación combina novos talentos con artistas de longo percorrido procedentes de Galicia —Amoebo, Alana, ALARIDO, Santi Araújo—, Madrid —Carrera Blanca, Bewis de la Rosa, Rocío Saiz—, Málaga —Cosmic Wacho—, Cataluña —Faneka— e Portugal —Branko—.
O ciclo forma parte da campaña CulturON da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que impulsa máis de 30 actividades culturais diarias por toda Galicia e conta tamén co apoio de Cervezas Alhambra.