Nova: Anxo M. Lorenzo participa da Festa da Palabra na Insua dos Poetas con homenaxe a Méndez Ferrín

20/07/2024

Anxo M. Lorenzo participa da Festa da Palabra na Insua dos Poetas con homenaxe a Méndez Ferrín

O director xeral de Cultura destaca na celebración no Carballiño a “gran demostración da nosa riqueza cultural e literaria que supón este acto, cun valor engadido como é a contorna natural”

O Carballiño (Ourense), 20 de xullo de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo destacou hoxe na décimo sexta edición da Festa da Palabra, que se celebra na Insua dos Poetas do Carballiño, a “gran demostración da nosa riqueza cultural, lingüística e literaria que supón este encontro xa emblemático no verán galego”. Ademais, engadiu, “a contorna natural dálle un valor engadido a esta cita coa literatura, a arte e a música”.

A Fundación Insua dos Poetas está presidida por Luis González Tosar e organiza durante a xornada un xantar na carballeira e diversas actividades. Este ano homenaxea a figura de Xosé Luis Méndez Ferrín e entrega os seus tradicionais premios á Agrupación Cultural Avantar e á televisión local Badal Novas. Ademais, recoñécese nas artes plásticas a Mercedes Gallego Esperanza; na música a Lucía Pérez; na cultura na emigración a Alberto López Barros e en acción social á Federación Autismo Galicia. 

Completan a programación desta festa a descuberta dunha escultura obra de Alberto Fernández e as actuacións musicais de Os Bregadiers, grupo de Parada do Sil, e da histórica formación ourensá Queixume dos Pinos.

Comparte